Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 06 agosto 2020
19:54
h
Hoxe comeza a décimo primeira edición cun roteiro ao carón do Anllóns // Serán sete camiñadas por Bergantiños, Soneira e Trazo// Fomentar a participación local e dar a coñecer o territorio e o patrimonio son os seus obxectivos

Senda Nova volve ós camiños do rural ca Primavera en Ruta

Hoxe ponse o semáforo en verde para a XI Primavera en Ruta que organiza a asociación ambiental Senda Nova, e que tivo que ser aprazada no tempo por mor do covid-19. Os obxectivos seguen a ser a posta en valor do patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico da Costa da Morte a través das camiñadas. Nesta ocasión serán sete rutas, que adentrarán ós participantes no medio rural e na natureza para aprender en cada paso.

O primeiro dos roteiros leva hoxe ós camiñantes pola beira do río Anllóns, en terras de Bergantiños. Percorrerán un itinerario de 18 quilómetros de dificultade media-baixa. O vindeiro domingo, día 28, percorrerán o Coristanco histórico, e en xullo descubrirán a forza do río Chonia, ó seu paso por Trazo (día 5); a costa agreste de Cerqueda e Cambre, en Malpica de Bergantiños (día 12); e a Ruta das Mámoas, en Cabana (19 de xullo). Xa en agosto, o día 23 camiñarán polos camiños de Caión (A Laracha), e pecharán as andainas, o día 30, nas terras altas de Soneira (Zas).

Son varias as novidades que haberá nesta edición debido á situación sanitaria. Así, as prazas serán limitadas, e todos os participantes deberán levar con eles máscara e respectar as indicacións dos monitores en canto ás medidas de protección. Ademais, deberán levar as fichas cubertas (pódense descargar na web www.sendanova.org) aos lugares de apuntamento. Reforzarán tamén o compromiso co medio ambiente aforrando plástico, polo que piden ós sendeiristas que leven da casa unha cantimplora de auga.

Para as vindeiras rutas, os lugares de inscrición son a base de Protección Civil de Carballo, os departamentos de Cultura e Deportes da Laracha e Coristanco, o Museo de Bergantiños e o Espazo da Natureza de Oza. A data límite de inscrición é dous días antes de cada ruta. As persoas que residan fóra de Bergantiños ou Terra de Soneira poderán apuntarse enviando un email a sendanova@hotmail.com.

O custe é de seis euros para os maiores de idade, e de tres euros para os menores que non son socios e un euro para os asociados. Haberá tres puntos de saída, que serán Carballo, Malpica e Coristanco, onde serán recollidos os inscritos por un servizo de transporte. Nos tres casos deberán estar diante dos respectivos concellos.

Prégase acudir con roupa e calzado axeitados e, sobre todo, con gañas de aprender e recibir unha inxección de natureza. Todo sen presa, pois, como din dende Senda Nova, “o tempo é de balde e nós utilizámolo para aprender”.

Por iso, o presidente do mencionado colectivo, José Manuel Menéndez, e o directivo Evaristo Domínguez, incidiron durante o acto de presentación desta nova edición na importancia destas actividades para o coñecemento do territorio e salientaron o compromiso da asociación dende os seus inicios cas actividades que buscan a participación local, a implicación doutras entidades e as actividades interpretativas en grupos reducidos.

A nova visión do patrimonio, do rural e de novas tendencias xurdidas a partir da crise sanitaria “non fan máis que afianzar os valores da entidade e reforzar máis estas actividades que, no noso caso, veñen facéndose dende fai tempo”, aseguran. Dende o colectivo agradecen a colaboración dos concellos de Carballo, A Laracha, Coristanco, Malpica e Zas, e a labor de Protección Civil e dos voluntarios de Senda Nova.

21 jun 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito