Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
medioambiente. Instalan na Pedra da Sal a figura dun arroaz elaborado con plásticos reciclados // O artista Fabián Lage construíu a estrutura de ferro que despois teceron veciños voluntarios e usuarios do colectivo Aspaber // Carballo quere mentalizar á xente contra a contaminación marítima TEXTO Manuel Boo

Símbolo da loita por un mar limpo

Se a píllara de vimbio que se instalou o ano pasado en Razo se converteu no símbolo do turismo sustentable que se trata de promover dende o Concello de Carballo, o arroaz de plástico reciclado que reloce dende antonte na Pedra do Sal vai ser o emblema da loita contra a contaminación do mar, un gravísimo problema medioambiental que se puido volver constatar na xornada de limpeza realizada, tamén antonte, no marco do programa Eu quero Razo-Baldaio, e no que se recolleron ata 1.000 quilos de residuos, na súa maioría refugallos con materiais plásticos.

“A idea é concienciar, a ver se pouquiño a pouco podemos eliminar o plástico do mar, porque este é o legado que lles deixamos aos nosos fillos”, sinalou o artesán Fabián Lage no acto de inauguración.

El foi o encargado de construír a estrutura de ferro con forma de arroaz, recuberta cos fíos de plástico realizados polos usuarios e usuarias do colectivo Aspaber e que se encargaron de tecer as mans voluntarias de moitos veciños e veciñas dirixidos por Inés Rodríguez, artesá especializada en tecidos. “Temos que intentar reducir o uso de plástico, ou polo menos buscarlle un novo uso para que non chegue ao mar”, insistiu Inés Rodríguez.

Os dous artesáns agradeceron a iniciativa do Concello de Carballo, que estivo representado polo alcalde, Evencio Ferrero, xunto co concelleiro Juan Seoane.

O pROTAGONISTA
“É necesario respectar o espazo no que vivimos”
Evencio Ferrero
Alcalde de Carballo

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, felicitou aos artesáns que fixeron o traballo e ós usuarios de Aspaber e ós veciños que participaron na creación da escultura na que se utilizaron 300 botellas de auga e un contedor de papel para a ola sobre a que surfea o novo habitante da Pedra do Sal. O rexedor sinalou que “queremos seguir desfrutando deste mar, e aos que nos gusta ver os arroaces tamén nos gusta que máis xente, máis xeracións teñan a oportunidade de seguilos vendo”, para reflexionar sobre a importancia de preservar a diversidade da natureza, asegurando que “para conservar esa diversidade é necesario que todos respectemos o espazo no que vivimos”.

{ desde fóra }
Burros e burradas
Manuel Boo

cando se dI que o home é un ser intelixente hai que poñelo en dúbida ou, nestes tempos, en corentena. Non hai máis que mirar o mar cheo de refugallos pola simpleza, abandono, mala fe e ata vagancia dos que din ser seres intelixentes, que non son quen de mimar a súa propia casa, onde viven, o seu medio ambiente. Non están de máis iniciativas como a do arroaz de Carballo, unha localidade que merece todas as felicitacións pola súa importante loita ecoloxista en reciclaxe, a súa aposta polo turismo sustentable e agora a intención de meter na cachola dalgúns a necesidade de coidar as nosas augas. Porque entre nós hai moitos burros, e o que adoitan facer son burradas. Será difícil conseguir que entren en razón, pero hai que intentalo con todas as nosas forzas.

07 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito