Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Outes acaba de adherirse á iniciativa e repartirá 55 composteiros entre outras tantas vivendas // Trazo xa entregou medio cento e Tordoia, 25// Deste xeito redúcese o número de refugallos depositados no contedor verde TEXTO Alba Prada

Sogama fomenta en Área o seu programa de autocompostaxe

Cada vez máis concellos da área metropolitana de Santiago se van adherindo ao programa de compostaxe doméstica de Sogama. A preocupación polo coidado do medio vai en aumento, dado que a propia natureza nos pide a berros un cambio, e polo tanto os municipios preocúpanse por implantar entre a veciñanza unha maior conciencia medioambiental. Outes vén de adherirse a dito programa de autocompostaxe e, no marco do mesmo, distribuirá 55 composteiros cedidos de forma gratuita por esta empresa pública entre outras tantas vivendas, “que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante”, explican fontes da empresa.

Sogama remitiu ao ente local manuais para que reparten entre a veciñanza participante a fin de que sirvan como elemento de consulta para ampliar coñecementos e resolver dúbidas. Así mesmo, e cando as circunstancias o fagan posible, “educadores da empresa impartirán un curso de formación presencial para instruír aos usuarios nos pormenores da técnica: desde a propia ubicación do composteiro ata a relación de materiais que deben e non deben ser introducidos no mesmo e o control de parámetros clave tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade”, sinalan dende Sogama. O fin último é que o abono resultante cumpra con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente e que poida ser utilizado na agricultura sen restricións.

Tamén o Concello de Trazo recibiu un total de 50 xusto antes de declararse o estado de alarma. Nun primeiro momento pediron unha remesa de 25, pero ante a gran acollida da iniciativa, volveron solicitar outros 25. Persoal municipal encargouse de repartilos casa por casa ás familias interesadas entre os pasados meses de abril e maio. Asemade, o municipio de Tordoia uniuse antes da cuarentena ao pograma. No seu caso repartiron 25 composteiros entre as casas da vila, e teñen previsto pedir máis. Por certo que albergan 390 litros de capacidade e están fabricados con materiais reciclados e reciclables. Todos os que desexen obter máis información sobre esta técnica poden acceder ai sitio web específico da empresa: www.compostaconsogama.gal, a través do cal teñen a oportunidade de empaparse de recursos didácticos, divulgativos e lúdicos sobre a reciclaxe da materia orgánica en orixe.

COMPOSTAXE Tal e como explican dende Sogama, a compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica xerada no fogar, como son os restos de comida e podas, obtendo un produto final, o compost, que pode ser empregado como acondicionador de solos en xardíns e hortas. As vantaxes do proceso son varias. Por unha banda, consíguese reducir o número de refugallos no contedor verde, propiciando unha menor frecuencia de recollida por parte dos servizos municipais e, por tanto, das emisións de CO2 derivadas do transporte. Ademais axuda a nutrir o solo, mellorando as propiedades físicas, químicas e biolóxicas do mesmo. Por outro lado, ao non depositarse tantos refugallos no contedor xenérico, os concellos reducirán o importe da factura que deben pagar a Sogama.

A PROTAGONISTA
“tiveron unha gran acollida”
Alcaldesa de Trazo
Fina Suárez

O Concello de Trazo recibiu por parte de Sogama un total de 50 composteiros. “Ao principio fixemos unha petición de 25, pero ao constatar que non eran suficientes, solicitamos outros 25”, explica a alcaldesa. E é que tiveron unha gran acollida entre a veciñanza “especialmente entre a xente nova”, aclara. Para facerse con eles non tiveron máis que chamar ao Concello e, dado que obtiveron os composteiros pouco antes do estado de alarma, o persoal municipal encargouse de distribuilos en cada fogar solicitante. “Ademais para explicarlles aos interesados o funcionamento e finalidade da compostaxe doméstica, Sogama impartiu no municipio un curso ao que asistiron máis dunha vintena de persoas”, sinala Fina Súarez. “Entre as virtudes da autocompostaxe, percibimos que está a axudar a que os veciños non depositen a herba que cortan no xardín no contedor xenérico”, puntualiza.

O Concello estase a implicar no coidado medioambiental con outros proxectos. “Imos adxudicar a substitución da luminaria antiga de moitas parroquias por LED e a previsión e ir cambiando toda paulatinamente”, explica. Tamén teñen activo o servizo de recollida de plásticos agrícolas. “É usado especialmente polos gandeiros, que só teñen que chamar ao Concello e contactamos cunha empresa para que os recolla”. “Asemade aumentamos o número de contedores de aceite e imos recibir seis de cartón”, di.

{ A OLLADA }
Concienciar e actuar
Alba Prada

A COMPOSTAXE IMPLICA grandes beneficios a nivel medioambiental, non só pola redución de CO2, senón tamén polo excelente abono para o solo que supón o compost ao estar cargado de nutrintes e macronutrintes. É un alivio que empresas como Sogama se impliquen no coidado do medio con iniciativas así, que logran espertar a conciencia social. A natureza está a pedir socorro máis ca nunca, precisamente polos desastres ocasionados polo ser humano, que a diferenza doutras especies, non se adapta ao medio, senón que o modifica ao seu antollo no seu beneficio. Ogallá outras empresas usen a súa influencia para darlle unha “bofetada” de realidade á xente, e se incentive tamén o respecto ao resto de animais. Iso é o primeiro.

24 jun 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.