Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Solpor planea crear unha guía dixital do Camiño a Fisterra

Barallan tamén varios proxectos para os que solicitaron axudas á Xunta e á Deputación

A Asociación Profesional de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía - Solpor traballa en varias proxectos de futuro, entre eles a elaboración dunha guía dixital da prolongación da ruta xacobea. Unha idea que foi proposta aos socios na última asamblea, celebrada en Olveiroa (Dumbría), polo cofundador e expresidente da asociación, Antón Pombo.

Jesús Picallo, presidente de Solpor, asegura que “sería a primeira gran guía deste Camiño”, e incluiría a creación dun banco de imaxes, información en varios idiomas (incluído o chinés), unha canle de Youtube e un activo espazo en Facebook. A idea, engadiu, “é ampliar información da ruta a Fisterra e Muxía, recollendo todos os recursos turísticos do territorio”.

Solpor tamén presentou solicitudes de axuda á Xunta ao amparo do programa O Teu Xacobeo, e á Deputación da Coruña, coa fin de desenvolver varios proxectos ao longo deste ano. Entre as opcións que barallan figuran a creación dun punto informativo móvil no Camiño, unha campaña para recuperar a confianza dos turistas ou a creación dunha revista especializada nesta ruta.

Tamén estudan celebrar unha segunda edición do encontro Un Mar de Gracias, crear os Premios Solpor de calidade turística, mellorar a páxina web e a asistencia técnica para aproveitamento comercial, ademais de elaborar un vídeo promocional.

“Son ideas que se puxeron sobre a mesa e que agora deberemos concretar os membros da xunta directiva”, indicou o presidente de Solpor.

Na xuntanza cos socios tamén fixeron balance das iniciativas xa desenvolvidas, reflexionaron sobre a importancia de promocionar o Camiño a Fisterra e Muxía en feiras de turismo, e anunciaron que este ano non cobrarán as cuotas aos asociados.

08 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito