Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Unha mostra do destilado foi o acto principal do día grande // Begoña Sanmiguel, Antonio Santiago e Francisco Manuel Santiago fixeron as mellores augardentes branca, de herbas e tostada // O Bar Pardal foi o gran vencedor nas tapas

Valga entregou onte os premios da festa da anguía e da caña do país

A XXX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga celebrou onte o seu día grande. A situación sanitaria a consecuencia da pandemia da covid-19 no permitiu a realización de grandes actos, por iso o Concello apostou por unha programación dirixida a un público reducido con actividades nas que se puidera garantir a seguridade dos asistentes.

Na xornada do venres tivo lugar no Centro de Interpretación da Caña a cata final do Concurso Tradicional da Caña do País, para a que se clasificaron dezasete augardentes das tres variedades habituais: branca, de herbas e tostada. Os catadores Mª Dolores Catoira Piñeiro, Juan Carlos García Busto, Ricardo Abuín Mariño e Manuel Blanco Picón elixiron como gañadores aos seguintes produtores: Begoña Sanmiguel de la Torre (branca), Antonio Santiago Gregorio (de herbas) e Francisco Manuel Santiago Figueira (tostada). Recibiron os premios nun acto que tivo lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera. O produtor da mellor caña branca foi gratificado con 300 euros, namentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderon a 200 euros. Os segundos clasificados recibiron un trofeo e un diploma conmemorativo.

Nese mesmo acto procedeuse á entrega dos premios dos demais concursos organizados no marco da XXX Festa da Anguía e da Caña, entre eles Embelecer Valga, un certame que trata de implicar á veciñanza no coidado e mellora dos espazos públicos.

O xurado elixiu a Beiro coma o lugar máis fermoso. Nesta aldea, os veciños levaron a cabo obras de acondicionamento do parque, coa instalación de novo mobiliario e o embelecemento do entorno. O segundo clasificado foi Vilarello, onde se realizou un proxecto de mantemento do parque do lugar, do local social e o seu entorno e a limpeza de dous lavadoiros. O terceiro posto recaeu en Campaña, onde un grupo de veciños realizaron obras de mellora no campo da festa e no parque infantil. En total participaron neste concurso doce lugares de Valga.

Coñecéronse tamén as tapas gañadoras da Ruta-Concurso Tapa a Anguía, na que participaron os bares Caprichos, Pontellón, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Bar Juan e Couceiro. Por votación popular resultaron agraciados co Mandil de Ouro o Bar Pontellón, que serviu Anguía á galega (puré de pataca con allada e anguía á prancha, sobre galleta mariñeira e brotes de cebola); co Mandil de Prata o Bar Pardal, coa súa Tosta de anguía (tosta de pan con tomate, verduras e anguía); e coMandil de Bronce a Pastelería Caprichos, grazas ó seu Agnolotis Princesa do Río (agnolotis recheos de anguía con cebola, pemento vermello e noces con salsa tipo boloñesa e parmesano)

Ademais, un xurado profesional outorgou un premio único que foi parar ao Bar Pardal e a súa Tosta de Anguía. Esta tapa poderá degustarse na Festa da Anguía de 2021.

A ruta Tapa a Anguía comezou o pasado día 23 e continúa durante esta fin de semana. Onte houbo degustación en horario de mediodía e de noite e hoxe domingo, só ao mediodía, de 11.00 a 15.00.

Vencellados a esta ruta, entregáronse tamén dez vales de compra de 30 euros cada un para gastar no comercio local. Os boletos sorteáronse entre os clientes dos bares que votaron pola súa tapa favorita. Os gañadores son: Roque Eiras Furelos, Jonathan Manuel Monteagudo Noya, Ángel Losada López, Christian Conde Rey, Zulema Iglesias Sanmiguel, César Estrada González, Lucía Pardal Álvarez, Sandra Lagos Fernández, Ramón Ríos Castaño e Carlos Eiras Barreiro.

Por último, entregouse o premio ao gañador do concurso artístico para elixir o cartel anunciador da festa. O vencedor foi Samuel González Temperán, de 13 anos e veciño da Devesa (Campaña).

Ademais da entrega de premios, durante a tarde de onte realizouse no Centro de Interpretación da Caña unha demostración de destilado artesanal e o Parque Irmáns Dios Mosquera acolleu o obradoiro titulado Maxia divertida, a actividade Bailamos e para pechar as celebracións desta festa tan diferente á de otutros anos, un concerto a cargo dos compoñentes da Banda de Música Municipal de Valga.

30 ago 2020 / 00:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito