Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Valga inicia co apoio de Medio Rural os arranxos no camiño de Laxes

Oito voluntarios están a colaborar co Concello en distintas actividades sociais e culturais

Valga. O Concello de Valga e a Consellería do Medio Rural están a executar as obras de mellora dun camiño municipal no lugar de Laxes, Cordeiro. Trátase dun vial que discorre dende a estrada provincial EP-8505 (Ferreirós-Vilar) ata as pistas paralelas á vía do ferrocarril e os traballos afectan a unha lonxitude aproximada duns 300 metros. Consisten na colocación de cunetas revestidas ao longo do trazado, instalación de tubaxes en sumidoiros, reparación do firme, que nalgúns puntos se atopa levantado polo efecto das raíces das árbores, e pavimentado con aglomerado en quente.

A mellora deste camiño foi proposta polo goberno municipal, no seu obxectivo de continuar mellorando as comunicacións nas zonas rurais e en beneficio dos veciños da zona e demais usuarios deste vial. Medio Rural subvenciona a obra a través do Plan Marco de mellora de camiños rurais, con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O Concello, que contratou as obras, tamén asume parte do orzamento. O investimento total que se realiza é de 41.158,59 euros.

VOLUNTARIOS Por outra banca, oito mozos voluntarios iniciaron nos últimos días a súa colaboración coa administración local de Valga no marco do programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Política Social.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado concedeu ao Concello unha subvención de 4.800 euros para esta iniciativa, xestionada dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e que xa é habitual durante os veráns.

O programa de voluntariado que se realiza durante os períodos estivais en Valga componse de diferentes actividades sociais, educativas e de ocio, entre outras. Nesta ocasión, o labor centrarase en accións culturais e outros eventos puntuais como foi o caso da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. s. e.

11 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.