Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vedra sortea vales de compra entre todos os que merquen no municipio

Comeza a campaña de apoio ao comercio, que se prolongará ata o vindeiro 15 de agosto

Vedra. Co obxectivo de potenciar e impulsar ás empresas, autónomos e comercios locais estimulando as compras no municipio, o Concello de Vedra lanza dende hoxe e ata o vindeiro 15 de agosto a campaña Hai Vedra, ti sumas. A través desta iniciativa, por cada 200 euros de compras en empresas e comercios da zona, os consumidores poderán participar en varios sorteos.

Serán vales de compra que se poderán canxear en calquera negocio, servizo e sector, salvo en produtos de alimentación, “dado que este sector se viu reforzado durante esta crise sanitaria”, advirten dende o Concello. En concreto, pódese optar a dez vales de cen euros, vinte de cincuenta euros, cincuenta de trinta euros e cen de vinte.

Para participar hai que introducir as facturas de compra no modelo de sobre da campaña e depositalo nas urnas que estarán ubicadas nos negocios asociados. Cada persoa poderá depositar nelas tantos sobres de participación completos como considere oportuno, é dicir, cada vez que acumule compras/gastos en empresas locais por valor de 200 €. Iso si: segundo explican dende a administración local, en ningún caso a mesma persoa poderá facerse con máis de 2 vales.

Os sorteos celebraranse “o día 21 de agosto ás 12.00 horas nun local municipal que se indicará no seu momento”, apuntan fontes municipais. A entrega dos vales, cuxo lugar está aínda por determinar, será os días 28 (de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas, os dez vales de compra de 100 €, os 20 vales de 50 € e os cincuenta de 30 €) e o 31 de agosto (de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas, os cen vales de compra de 20 €).

Esta non é a única campaña que se puxo en marcha dende o goberno local para dar apoio ao sector comercial e hostaleiro tras o confinamento. Tamén se vén de actualizar a guía de empresas, comercios e servizos, que se distribuíu entre a veciñanza.

Ademais, creouse unha plataforma de comercio en liña, en apoio ós establecementos vedreses interesados en participar deste proxecto, que busca novas alternativas. Diferentes propostas cun obxectivo común: comprometerse cos negocios da vila. A. PRada

actividades para todos

··· Hoxe ponse en marcha o programa denominado Pasatempo de Verán, que trae actividades dirixidas a todos os púbicos para a tempada estival. A primeira proposta é unha sesión de ioga que terá lugar de 10.00 a 11.30 horas na área recreativa de Agronovo.

··· Máis tarde, ás 21.00 horas, o campo da festa de Vedra acollerá a obra teatral Camiño da Feira, da compañía A Cova das Letras. As propostas sucederanse durante todo xullo e agosto e hai que inscribirse previamente na páxina web municipal.

01 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito