Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vía libre ao arranxo da estrada de Touriñán

Correrá a cargo da Autoridade Portuaria // O investimento ascenderá a 636.014 euros // Actuarase en 11 quilómetros

Despois de anos de espera, incluíndo mobilizacións veciñais e recollida de sinaturas, o arranxo da estrada que une o concello de Cee co faro de Touriñán (Muxía) parece estar máis preto de ser unha realidade, logo de que a Corporación muxiana ratificase o convenio coa Autoridade Portuaria da Coruña, que é a titular da vía.

Este era o trámite que faltaba, despois de que en xaneiro a Corporación de Cee outorgase tamén o visto e prace ao acordo, xa que a citada estrada discorre polos dous municipios.

O convenio ca Autoridade Portuaria establece que será esta a que asuma o arranxo da estrada, valorado en 636.014,55 euros.

Os traballos desenvolveranse nun total de 11 quilómetros e 480 metros, cun ancho variable entre 4,25 e 9 metros. A citada estrada parte da CP-2301 e remata ao pé do faro de Touriñán.

Unha vez que sexa arranxada a vía, e segundo se contempla no convenio, o organismo portuario cederá a súa titularidade aos concellos de Cee e Muxía, que deberán facerse cargo no futuro do mantemento.

Inicialmente estaba previsto que as obras se poidesen executar durante o verán, aínda que dependerá agora do tempo que se prolongue o proceso de licitación dos traballos.

O alcalde de Muxía, Iago Toba, asegura que se trata dunha mellora “importantísima para a nosa localidade, xa que Touriñán é un dos espazos con maior atractivo natural e paisaxístico e é fundamental que estea ben conectado con noso núcleo urbano”. Entende que este é un proxecto “indispensable nun dos puntos clave para a exaltación do noso patrimonio natural, e máis no contexto que estamos a vivir”.

En Cee tamén é unha actuación moi demanda e esperada dende hai tempo, e por iso, segundo sinalou a alcaldesa, Margarita Lamela, axilizaron todo o posible a aprobación do convenio coa Autoridade Portuaria. Hai que lembrar que o arranxo xa fora prometido en varias ocasións, pero non se fixo.

02 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito