Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Servizos Sociais repartiu case vinte e oito toneladas de alimentos entre colectivos máis desfavorecidos // Transporte e compras paras as persoas soas ou en situación de vulnerabilidade, outro eixo // Aplauden o labor do voluntariado TEXTO M. Manteiga

Víveres e acompañamento dende Ames pola pandemia

Os Servizos Sociais de Ámes tiveron que multiplicarse na época do coronavirus para atender a poboación. E dende este departamento, a concelleira Luísa Feijóo cita coma os principais eixos da súa actividade a atención aos maiores e ás persoas soas en situación de vulnerabilidade, facilitándolles o transporte e o acompañamento a médicos, farmacia e compras básicas. Pero tamén o reparto de alimentos e produtos sanitarios, a axuda no fogar, as axudas de emerxencia social, a renda municipal básica e o incremento de liñas de consulta en todas as áreas, constituíron o eixo sobre o que se desenvolveron as accións durante o estado de alarma.

Dun xeito cronolóxico, e nada máis decretarse, Feijóo puxo en marcha toda a maquinaria social para atender as necesidades da veciñanza, especialmente as dos colectivos máis desfavorecidos. Así, o 17 de marzo, a web municipal facíase eco da campaña É hora de sumar, proxecto de axuda ás persoas maiores e/ou en situación de vulnerabilidade que viven soas. O departamento de voluntariado encárgase de coordinar esta acción na que se inclúe o servizo municipal de transporte adaptado, acompañamento telefónico e servizo de compra e entrega de medicamentos. E foron máis de 40 servizos de compra e 88 de farmacia. Na mesma data, o departamento anunciaba que os usuarios que o precisen poderían ser atendidos pola psicóloga, que segue escoitando aos cidadáns por teléfono e de xeito telemático. Ademais lembra que o CIM, o Centro de Información á Muller, está dispoñible polos mesmos medios, incidindo en que as urxencias seguirán atendéndose de xeito presencial, previa cita telefónica.

Unha semana despois, o 25 de abril, Servizos Sociais continúa centrando os seus esforzos en garantir a atención das necesidades básicas da poboación máis vulnerable e decide intensificar o reparto de alimentos do Banco Municipal. Pon especial fincapé no caso de familias con menores a cargo. Repartíronse alimentos procedentes do FEAD, de diferentes doazóns de empresas e particulares e do FOGGA. O Concello aportou tamén para este fin fondos propios que serviron para mercar preto de 1.200 quilos de alimentos. Co obxectivo de garantir unha mellor prestación ás familias e facer unha optimización dos recursos dispoñibles, o departamento traballa en coordinación con Cáritas, Fundación Secretariado Xitano e Médicos do Mundo. E co gallo de garantir unha alimentación variada e saudable, tamén se puxo e en marcha o reparto de cestas saudables, das que se beneficiaron un total de 760 persoas. En total repartíronse preto de 28.000 quilos de alimentos non perecedoiros, froita, polo e peixe.

RECONFIGURAMENTO. Nas mesmas datas, Benestar Social reconfigura o departamento de Axuda no Fogar para adaptalo ás circunstancias concretas de cada usuario, mentras segue dando de alta a novos demandantes e fai seguimento dos casos de renuncia temporal voluntaria para garantir que as prestacións e os coidados por parte dos familiares son os idóneos e mantén o servizo, prestando especial atención á cobertura das necesidades básicas esenciais: aseo, coidado persoal, vestido ou alimentación, entre outros. Ademais pon a disposición das auxiliares de Axuda no Fogar luvas, xel e máscaras co obxectivo de que poidan desenvolver os seus cometidos nas mellores condicións de seguridade, mentras as dificultades económicas dispararon o número de familias en situación de vulnerabilidade. E co obxectivo de dar cobertura a todas estas demandas de primeira necesidade e de realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes liñas de axuda municipais, créase nos primeiros días de abril o Comité de Emerxencia Social, conformado por o alcalde, Luísa Feijóo, a asesora xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico, e os voceiros dos diferentes grupos que conforman o goberno municipal, reuníndose unha vez á semana.

Xa o 4 de maio, Benestar Social pon en marcha a campaña Estamos contigo, co fin de atender ás persoas máis vulnerables e de facilitar á veciñanza amesá información sobre axudas e trámites. A campaña ofrece tamén a posibilidade de consultar calquera dúbida derivada da situación de crise. Habilítanse liñas de teléfono gratuítas en Bertamiráns e no Milladoiro e contrátase unha traballadora social de reforzo para o desenvolvemento da campaña. Ser dilixentes e poder dar respostas inmediatas a inxente cantidade de problemas que van xurdindo a medida que avanzan as semanas de confinamento, é o obxectivo global de Estamos contigo.

SERVIZOS. E, ao fío, púxose a disposición dos afectados polas limitacións laborais e de desprazamento os servizos de asesoría xurídica que resolve dúbidas en materia de vivenda (axudas, alugueiro, hipotecas, desafiuzamentos) estranxeiría (documentación, acceso á sanidade) familia (tutelas, curatelas, separacións, divorcios, pensións alimenticias) pensións e prestacións (maternidade, paternidade, incapacidade, baixas laborais, permisos) e xestión de débedas, tanto con organismos públicos como particulares. Ademais o departamento desenvolve outras medidas para dar resposta as graves situacións persoais que aparella a crise, abre o prazo de convocatoria das axudas ás familias numerosas, acompaña na tramitación de axudas autonómicas, ofrece información sobre axudas estatais e mantén activo para emerxencias o roupeiro municipal. Cómpre salientar que este servizo tamén recolle roupa e aveños para facer fronte as necesidades da poboación vulnerable desde o día 11 de maio.

Lembrar, xa para rematar, a importancia de potencias virtualmente o programa Ames Saudable, co obxectivo de ofrecer recursos para levar o confinamento do xeito mais activo e sa posible, atendendo tanto á saúde física como a saúde emocional dos cidadáns. E tamén merecen os parabéns dos responsabeis locais a labor da Oficina de Voluntariado repartindo máscaras, fotocopiaron e entregando material escolar ao alumnado sen recursos, sen esquencer o roupeiro municipal.

11 jul 2020 / 20:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito