Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 04 agosto 2020
22:13
h

Volve a Arzúa o ciclo de música ‘En Aberto’ ao aire libre con catro concertos

Falúa, Rondalla Moraima, Natasia Zürcher e A Banda da Loba forman o cartel da edición que se realizará na praza de Galiza

O departamento de Cultura do Concello de Arzúa puxo en marcha a quinta edición do programa de concertos ao aire libre que encherá de música e cultura a praza de Galiza dentro da programación que o servizo municipal ten preparada para este verán.

Os días escollidos para tales recitais musicais foron o pasado xoves 30 de xullo e os videiros 6, 20 e 27 de agosto.

A primeira proposta musical que iniciou o ciclo denominado ‘En Aberto’ tivo lugar o 30 de xullo vindo da man de Falúa. Este dúo está composto pola voz de Sara de Sousa, cantante de formación moderna e folk e moi vinculada ás músicas tradicionais lusas, en especial, ao fado; e as cordas do guitarrista autodidacta Gom de Abadim, coñecido por ter participado nunha multitude de grupos de raíz folk, dende A Quenlla, A Banda das Crechas ou Davide Salvado, e formando parte actualmente de Os d’Abaixo e Tis-che-tein, ademais de, evidentemente, Falúa. Mesturando así a tradición fadista e a formación folk do guitarrista, integran no seu repertorio un percorrido polos sons da lusofonía con músicas galegas, portuguesas e inclusive brasileiras, creando o estilo que da unha nova luz a temas que forman parte da historia musical lusófona.

O xoves 6 de agosto a quenda pasará para a arzuana Rondalla Moraima, que continúa celebrando os seus 20 anos de vida. Este grupo nace fai dúas décadas por iniciativa dun dos cinco membros orixinais que a día de hoxe se mantén na agrupación: Antonio Raposo, que iniciou o grupo cos seus exalumnos e veciños de Arzúa interesados na música popular. Actualmente a formación local conta con once músicos, de idades dispares (entre os 40 e os 70 anos) que se reúnen semanalmente para ensaiar e que empregan en todos os seus recitais guitarras, laúdes, bandurrias, violoncello, pandeiro e voz. Neste certame realizarán un concerto a base de distintos boleiros e rancheiras.

A cantante e compositora galego-suíza Natasia Zürcher levará a cabo o seu concerto en formato dúo o xoves 20, no que presentará o seu segundo traballo discográfico, Beat, publicado en 2017 baixo a produción do compositor e arranxista galego Adrián Saavedra. Natasia foi galardoada cun Galician Music Award na categoría de música negra nos Premios Martín Códax e foi finalista noutra ocasión nos mesmos premios galegos da música, pero na categoría de Músicas do Mundo, facendo honra á variedade de estilos que conflúen nas súas obras. Ademais, en 2018 participou no festival Elas Son Artistas e tamén obtivo o segundo posto no Liet Internacional e o premio dos músicos. Esta artista de traxectoria interpretará en Arzúa temas de onda moderna e groove que flúe por estilos coma o neo-soul, o R&B contemporáneo e as chamadas músicas de todas as partes do mundo.

A última das propostas, o xoves 27 de agosto, que pechará o ciclo de música na rúa En Aberto será o grupo feminino A Banda da Loba, integrado por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, do que destaca a creación dun reportorio propio baseado tanto en letras da súa propia autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e que fai do seu mesmo repertorio, un fantástico caleidoscopio musical.

Todos os concertos serán ás nove da noite, poderase acceder con entrada de balde e celebraranse na súa totalidade na praza de Galiza de Arzúa, con todas as medidas necesarias para o cumprimento dos protocolos hixiénico-sanitarios esixidos pola pandemia.

02 ago 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito