Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Festa de Apego en Bertamiráns

Chegará ao auditorio e Pazo da Peregrina o día 11 e 12 // Inclúe recursos para educar en galego

A concelleira amesá de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e a técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Ames, Rosa Moreiras, presentaron a Festa de Apego, o programa colectivo que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con cativos, e que virá chea de actos os días 11 e 12.

Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan nenos de 0 a 6 anos, e os marcos serán o Pazo da Peregrina e mais o auditorio da casa da cultura de Bertamiráns. A Festa de Apego arrincará o vindeiro venres ás 17.00 horas no pazo co obradoiro de cantos de berce O son que me arrola, que contará con música en directo para pequenos de ata 3 anos. Na mesma xornada, pero ás 19.00 horas no auditorio, representarase a obra de teatro Ris Ras, da compañía Baobab Teatro. Trátase dunha viaxe musical a través de xogos, enredos e outras historias, dirixida a nenos de ata 8 anos.

Xa o sábado 12, as actividades comezarán ás 11.00 horas no Pazo da Peregrina coa compañía Topa de Trapo, que porá en escena o espectáculo Barquiño de Pau para veciños de ata 6 anos. Trátase dun espectáculo de teatro de obxectos e música para explorar os sentidos e as emocións. A continuación, a mediodía no mesmo marco sesión de narración oral denominada Contos, lerias e cousas pequenas, a cargo de Vero Rilo, para nenos a partir dos 3 anos. Ás 13.00 horas chega Pakolas ao Pazo da Peregrina para ofrecer un ameno concerto.

Pola tarde, haberá dúas actividades no Pazo da Peregrina: ás 17.00 horas impartirase a sesión de contos Carvalho Calero no Carreiro, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, historias e cantos da tradición oral galega e portuguesa, que están dirixidos a un público familiar. Ademais, ás 18.30 horas haberá unha Foliada con Apego dinamizada por Silvia Cerneira da Banda da Balbina.

Por outra banda, no auditorio da casa da cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas, Magín Blanco e a Banda das Apertas ofrecerán un concerto de música infantil para cantar e bailar en familia.

Ao longo de toda esta xornada haberá dúas actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 10.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Unha delas será o Espazo Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que a pon a dispor das familias. A outra actividade permanente será o Espazo recursos, incluíndo unha ampla mostra de recursos para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos...) e asesoramento con Fabaloba.

A concelleira escarlata Pampín destacou durante a presentación que o obxectivo desta celebración é “que a rapazada de Ames poida socializar e gozar do ocio en galego. É moi importante que os nenos e nenas, xunto as súas familias, poidan realizar actividades no noso idioma”. Os interesados deben mandar a inscrición a normalizacion@concellodeames.gal.

02 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.