Entrevista | Goretti Sanmartín Voceira municipal e candidata á Alcaldía do BNG

Goretti Sanmartín: “Cremos que é factíbel que o BNG lidere o novo goberno”

Visita de Goretti Sanmartín a El Correo Gallego

Javier Rosende Novo

Parece que as enquisas lle dan bos resultados ao BNG nas municipais, confían nun sorpasso a Compostela Aberta ou incluso ao PSdeG?

Nós cremos realmente que é factíbel que o BNG lidere o novo Goberno. Tendo en conta un escenario de non maiorías absolutas, é factíbel que o BNG quede de primeira forza na esquerda, polo tanto non nos poñemos límites e vemos posible o sorpasso ao PSdeG. Esa é unha apreciación que temos porque a nivel nacional o BNG ten moi bos resultados, pero tamén o acompasamos cos resultados que tivemos nos últimos procesos electorais na capital de Galiza. Fomos a cidade que tivo unhas porcentaxes de apoio máis amplas, tanto nas xerais, como nas eleccións galegas; e nestes momentos cremos que podemos obter un resultado incluso moitísimo mellor que as tendencias das enquisas.

Estarían dispostos a un goberno de coalición coas forzas da esquerda de non haber unha maioría absoluta por parte da dereita?

É evidente que se non hai maioría absoluta do PP, e eu non contemplo esa posibilidade, ao final o que vai ter que haber é un goberno de dúas ou tres forzas da esquerda, que nós cremos que vai estar liderado polo nacionalismo galego, polo BNG, contando co resto das forzas. Precisamos un goberno plural, e canto máis BNG teña ese goberno, mellor lle irá a Santiago. Está constatado que históricamente sempre foi así.

Cales van ser os principais eixos programáticos do Bloque na campaña electoral?

Queremos contrastar o programa con asociacións de diversos ámbitos para recoller as súas propostas e contrastalas coas nosas, máis hai cuestións que levamos defendendo estos últimos catro anos que van ser importantes. Por un lado, a aposta por unha cidade preparada e que loite contra o cambio climático, nun momento no que hai moitas vagas de calor, aumento de temperatura. Temos que ir a un escenario no que recuperemos ríos, fontes, mananciais, canles soterradas... para conseguir así refrescar a temperatura. Todo isto está relacionado con un concepto integral de cidade, que nós vemos que nos últimos anos se viu truncado, porque agora vemos que o que parece que hai son minicidades, parcelas que moitas veces parece que están rotas entre si e que precisamos recuperar. Hai vías sobredimensionadas que deberían converterse en bulevares verdes que permitan conexionar os barrios. E que tamén se pode aplicar no rural. Todo isto debe ir acompañado dun proxecto de recuperación, rehabilitación e de políticas e espazos destinados para fixar poboación na cidade histórica e ao mesmo tempo atraer a xente que poda vivir nela.

Que análise fai o BNG do estado no que se atopan actualmente os barrios e parroquias do rural?

O que nos di a veciñanza é sempre o mesmo, que falta mantemento e que ao final o que non se pode é facer infraestruturas, tomar decisións sen consultalas e despois deixalas morrer. Hai pavillóns, centros socioculturais, algún recentemente rehabilitados, con serios problemas de humidades, insonorización. Hai un problema grave de mantemento de parques, pavimentos, falta de beirarrúas. Un estado moi xeneralizado de abandono dos barrios e as parroquias. E hai outro problema moi serio de abastecemento e saneamento no rural. Despois de insistir moito o BNG, o Goberno local destinou no último orzamento 840.000 euros para melloras, dos que gastaron só unha cantidade ridícula, que non chega nin ao 10 %. É evidente que hai unha dificultade para xestionar.

Que lle parece o movemento do goberno local de ceder a parcela do Clínico á Xunta sin terlla pedido?

Está claro que ao final todo é un paripé, propaganda, pero que todo ten un inicio. O problema ven de cando se pon enriba da mesa o proxecto da Xunta para a ampliación do Clínico. Ese era o momento no que o Concello de Santiago tiña dicir: vale, ampliación do Clínico, máis cumplindo a proposta do aparcamento. Pero naquel momento o goberno do Partido Socialista dixo que si, cando aprobar aquelo era ridículo. Como se vai apoiar un proxecto onde non se cumpre a ratio de aparcamentos que hai! E isto desencadea a situación na que estamos agora. As administracións teñen que colaborar.

Que foi o que motivou a abstención do BNG no pleno de modificación do PXOM para a regularización dos pisos turísticos?

Como dixemos no propio pleno, estamos a favor de que se regulen os pisos turísticos, de que haxa unha limitación, sempre que falemos de todo o que queda fóra do ámbito do plan especial, polo tanto, do ámbito da cidade histórica e os viais que levan a ela. Nós entendíamos que o que había que facer era chegar a un acordo, co máximo consenso. Un acordo que non houbo nin cos colectivos afectados, nin tampouco cos grupos da oposición, alomenos co BNG. Presentamos alegacións, con dúbidas en canto a que se regularizasen os pisos do primeiro andar, porque así se podería dar unha especulación, e non se atendeu nunca ningunha das nosas alegacións. Tamén discrepamos co plantexamento da elaboración dunha futura ordenanza, cando nós entedemos que sería mellor unha disposición transitoria que entrara en vigor ao mesmo tempo que a modificación do PXOM.

Que valoración fai o BNG do caso Pichel e da reacción do goberno?

Entendemos que é un caso moi grave e que non se deron as explicacións necesarias. O que pide a veciñanza é información sobre o ocorrido. Que se saiban todos os pormenores de como sucedeu. Por parte do goberno socialista pensaban que coa dimisión de Pichel remataba todo, pero nós entendemos que hai responsabilidades políticas e cremos que realmente hai un problema en canto á negativa de transparentar todo o que se fixo. Levar o caso á Fiscalía é a única maneira de descansar todos con tranquilidade.

Aposta pola inversión do Consorcio en edificios e baixos comerciais que se poñan a disposición de emprendedores

Entre os eixos programáticos que Goretti Sanmartín defenderá na súa campaña de cada ás próximas eleccións municipais, destaca a dotación dunha maior capacidade económica do Consorcio de Santiago para impulsar novos proxectos na capital galega. “Precisa incrementar a súa capacidade económica de tal maneira que poda encargarse de mercar baixos ou edificios e poder cedelos para que alí poida haber comercios ou determinados sectores que queiran emprender a súa vida, fixando poboación na cidade de Santiago”, explica a voceira nacionalista. Asegura que “isto, co orzamento que ten agora mesmo o Consorcio é imposible de levar a cabo”.

Por outra banda, a candidata á Alcaldía de Santiago, tamén fala dunha firme aposta pola optimización da adminitración municipal.

 “En Santiago é fundamental que a administración funcione, que se axilice a concesión de licenzas, que funcione realmente a administración electrónica, que se mellore o grao de execución de proxectos de relevancia”, sinala a edila.Na súa liña de acción tamén terá unha relevancia especial o impulso da contratación pública, “tendo en conta que a diminución no ano 2022 respecto do anterior foi do 70 % en obra pública”. Sostén que “temos que incrementar moitísimo a contratación. Todo isto ten que ir adiante nun contexto de colaboración con todas as administracións, incluíndo tamén á Universidade de Santiago, que xoga un papel moi importante na nosa cidade, non só polo ambiente estudantil, senon pola investigación que aporta”.