En marcha dúas novas cátedras institucionais sobre Vida Saudable e Intelixencia Artificial

Xorden co obxectivo de coidar a calidade de vida da poboación // En breve asignaranse as direccións

Fachada do CiTIUS na USC

Fachada do CiTIUS na USC / ECG

Coidar da calidade de vida é o nexo que une as dúas cátedras institucionais que botarán a andar na USC en materia de Vida Saudable e de Intelixencia artificial en Ciencias da Saúde. Así se comunicou onte no Consello de Goberno. Segundo avanzaron dende a propia institución académica nos vindeiros días procederase a asignaro o director/a das mesmas.

A primeira delas xorde pola necesidade do fomento da investigación en saúde pública e pola súa capacidade para crear e compartir coñecemento, así como para poñer en valor as actuacións que se realizan e para identificar novas estratexias que se vaian levar a cabo dentro do Plan ‘Obesidade Zero’ de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia, aprobado polo Parlamento autonómico.

Por outra banda, a proposta da Cátedra en Intelixencia Artificial en Ciencias da Saúde enmárcase no proceso de concorrencia da USC á convocatoria de axudas para a creación de cátedras universidade-empresa (Cátedras Enia), destinadas á investigación e desenvolvemento da intelixencia artificial (IA). Concretamente, a súa actividade prestará especial atención a actividades relacionadas coa medicina personalizada e de precisión, procurando unha estreita vinculación coa formación das promocións de grao e mestrado en IA que cursan estudos na USC ao tempo que se fomente a colaboración co sector profesional e a participación en proxectos de I+D+i.