Enxeñaría e Arquitectura é a única área da USC na que as mulleres aínda non son maioría

As científicas Elena Vázquez e Mabel Loza animan ás máis novas a loitar polo que lles gusta, medrar profesionalmente e non deixarse intimidar

As científicas de hoxe inspiran ás futuras xeracións

Javier Rosende Novo

A cultura popular sempre ubicou ás mulleres nas carreiras de humanidades e aos homes nas científicas. Unha división que a día de hoxe a grandes rasgos non persiste, pero da que aínda se deixan ver algúns vestixios. E é que segundo os datos aportados pola Universidade de Santiago (USC) hai moitas menos alumnas ca alumnos na área de Enxeñaría e Arquitectura (1.002 matriculados nos estudos de grao no presente curso 2022-23 fronte a 413 matriculadas).

Iso si, trátase da única rama na que se observa esta diferenza, xa que na de Matemáticas son algunhas máis (1.261 mulleres e 1.193 homes) e no resto a presenza feminina é moi maioritaria, dado que o número de alumnas de grao na USC case duplica ao de alumnos (12.738 fronte a 7.230). Destaca especialmente a gran diferenza nas Ciencias da Saúde, unha rama que conta cun total de 4.656 mozas fronte a 1.559 mozos. Se falamos de catedráticas volvemos atoparnos cunha situación moi similar á que ocorre nas facultades de enxeñaría: actualmente a USC conta cun total de 302 catedráticos, e deles só 88 son mulleres, algo que leva a pensar no temido teito de cristal. Un concepto creado polos estudosos de socioloxía que describe á perfección a desigualdade que existe no mercado laboral entre sexos.

A pesar de todo, sempre se atopan referentes próximos que poden servir de inspiración ás nenas de hoxe para que sexan as científicas do futuro. Empaparse dos seus logros, da súa fortaleza e intelixencia é unha moi boa forma de superar obstáculos e fortalecer o eido da ciencia e a investigación coa sabiduría feminina. A decana e profesora de Matemáticas na USC, Elena Vázquez Cendón, e a catedrática de Farmacoloxía e coordinadora do grupo BioFarma da USC, Mabel Loza García, son dous perfectos espellos nos que as investigadoras do futuro se poden mirar.

Elas son unha boa mostra de que a infancia define en gran medida os adultos que seremos, xa que a curiosidade foi o punto de partida para que ambas entregasen as súas vidas á ciencia. “As matemáticas sempre me deron seguridade. Todo tiña unha solución, podías pensar, podía haber varios camiños para chegar… As bonecas tiveron que tragarse moitos problemas de matemáticas. Elas foron as miñas primeiras alumnas”, relata Elena Vázquez. A Mabel Loza ocorreulle algo similar: “A miña inclinación pola ciencia naceu de que me gustaban as asignaturas desta rama e tiña curiosidade. Ao final estudei Farmacia e tras acabar a carreira, como tiña inquedanza de coñecer máis, fixen a tese doutoral e logo presenteime a un praza de profesora aquí na USC. A partir de aí todo foi seguir o camiño que che vai trazando a vida”.

Ambas son conscientes de que aínda queda moito por facer con respecto ao baixo número de mulleres que se decantan polas enxeñarías. A decana de Matemáticas e tamén profesora de Enxeñaría Informática ratifica que hai moi poucas alumnas nalgunha promoción. “Creo que o que temos son estereotipos moi consolidados. A marca enxeñaría está moi asociada aos homes. Por iso hai que seguir facendo divulgación, campañas e accións positivas. É necesario dar a ver o que se fai”. “Aquí en matemáticas, sempre me gusta dicilo, na primeira orla, de seis alumnos que remataron, cinco eran mulleres”. Quixo animar ás mozas a non deixarse levar polo síndrome do impostor. “Si che gusta, queres e che apetece, non hai ningunha barreira para que ti non esteas aí. Elas traballan moito, pero son brillantes tamén”, sentenza.

De igual forma, a catedrática de Farmacoloxía confirma que non é un tópico, é unha realidade: “As mulleres optamos máis polas carreiras sanitarias e os homes prefiren as enxeñarías. O motivo? Sen dúbida debe haber un papel de xénero, pero ás veces tamén é unha inclinación. No meu caso non foi un rol de xénero, eu nunca sentín que por ser muller non puidera facer determinadas cousas… Iso si, o que te vai levando a esa decisión seguro que hai que cambialo antes para lograr que as nenas vaian valorando unha carreira máis técnica. Ao meu lado hai moitas enxeñeiras traballando, pero é evidente que hai que visibilizar moito máis o abano de posibilidades para poder decidir sen que haxa limitacións de xénero”, considera.

Ambas científicas tamén quixeron abordar a posible razón que xustifica o menor número de catedráticas. Vázquez Cendón indicou que lle consta que está a aumentar. “Teño parabenizado ultimamente a un montón de compañeiras. Eu creo que a nós nos vai moito o social, e sacamos tempo para accións colectivas, e unha vez te estabilizas dache reparo abordar toda a burocracia da cátedra porque non a tes como primeira opción”. Loza García considera que “hai máis doutoras e profesoras axudantes pero menos catedráticas e pasa tamén nos postos directivos. As mulleres están noutras posicións máis baixas, pero estou convencida de que iso está a cambiar, de feito xa hai máis xuízas ca xuíces por exemplo”, declara.

Como mulleres e científicas sentiron nalgún momento diferenzas con respecto aos homes, uns problemas que aínda están por atallar, e de aí que sigan a celebrarse datas tan significativas como o 8M. “Cando estaba embarazada, xa pasaba dos 40, moita xente non entendía que quixese seguir medrando profesionalmente. Ao meu arredor había persoas ás que lle sorprendía a miña ambición. Se fose varón está claro que lles parecería lóxico que traballase máis ao convertirme en pai”, revela Mabel. Vázquez Cendón pola súa banda fai un alegato para acabar co famoso mansplaining (os homes que explican ás mulleres) e critica o valor que se lle dá ao físico. “Un home nunca ten que explicar se gaña peso ou o perde. Hai unha parte de imaxe que fai que nos presionemos máis”. “Tamén temos que cumprir uns tips. Hai un solteiro de ouro e unha solteirona”.

Finalizan animando ás nenas a desfrutar da ciencia achegándose a ela porque, como din estas referentes, para que che guste algo hai que coñecelo. Recordan que coas frustracións facémonos máis fortes, que é normal errar e non ser perfecta. A sociedade esíxelle o dobre a unha muller, pero isto xamais debe ser un impedimento para seguir medrando profesionalmente.

TEMAS