Mulleres e loucas, o dobre estigma das internas do Psiquiátrico de Conxo

A exposición “Voces esquecidas” exhibe na Biblioteca do Gaiás 57 pezas do fondo documental do centro compostelán que revelan o tratamento como doentes mentais de mulleres que transgredían os roles de xénero da súa época.

Expedientes de ingreso, historiais clínicos, diagnoses de “loucura histérica”, “loucura xenital”, “psicose melancólica” ou “paixóns violentas”, tratamentos de electroshock, cartas que nunca chegaron a destino… O Arquivo de Galicia exhibe en Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo algo máis de medio cento de documentos do Psiquiátrico compostelán. A mostra forma parte da serie "Mulleres Sobranceiras", e inaugurouse onte no Gaiás coincidindo coa celebración do 8M. “Malas nais, esposas, amas de casa, histéricas, desamañadas”. Disto eran tachadas moitas mulleres que ingresaban por cuestións relacionadas cos roles de xénero.

Rexistro de altas no "Manicomio de Conjo" de 1986 e 1987.

Rexistro de altas no "Manicomio de Conjo" de 1986 e 1987. / ECG.

Cando abriu o “manicomio” de Conxo, en 1885, moitas persoas “diferentes”, inadaptadas ás regras sociais establecidas ou simplemente molestas, eran consideradas doentes mentais e illadas da sociedade. Tamén era firme a aceptación de que o sistema nervioso e reprodutivo da muller a facía máis propensa a desordes patolóxicas. Visibilizar as internas e a súa condición, dobremente estigmatizada, por seren mulleres e tratadas de loucas, é o que pretende esta exposición que pode visitarse ata o mes de setembro.

Eelectroshock realizado a Amalia Porto Álvarez, de 35 anos.

Antecedentes e electroshock realizado a Amalia Porto Álvarez, de 35 anos. / ECG.

É unha homenaxe desde o respecto á dignidade destas mulleres silenciadas”, afirmou a subdirectora xeral de Arquivos e Bibliotecas no acto de inauguración ao que tamén acudiu o director xeral de Cultura. “Trátase de documentos de gran valor para o estudo da psiquiatría e da saúde mental desde múltiples aspectos, entre os que destaca o coñecemento da sociedade á que pertencían esas mulleres que quedaron excluídas e esquecidas”, destacou Anxo M. Lorenzo. Entre os materiais expostos figuran os expedientes das dúas primeiras mulleres ingresadas no Hospital Psiquiátrico, en 1885 e 1886, fotografías antigas, como a dos talleres nos que remataban encargándose das tarefas do fogar, como lavar roupa, pelar patacas…, ou documentos relacionados coa xestión do centro a nivel administrativo, como libros de rexistro de materiais. Dentro do psiquiátrico as persoas clasificábanse en pensionistas e acollidas en función de se tiñan recursos ou procedían da beneficiencia. No caso das que podían financiar o internamento tamén había categorías e gozaban de distintos servizos e tratamentos segundo o que pagaban.

Número de filiación, escrito, debuxo e fotografía dunha interna no Hospital psiquiátrico de Conxo.

Número de filiación, escrito, debuxo e fotografía dunha interna no Hospital psiquiátrico de Conxo. / ECG.

Entre as misivas que se exhiben na mostra hainas das internas aos familiares, pero que nunca chegaron a saír do hospital e que empregaban os médicos para evaluar o seu estado. Outras cartas ían dirixidas aos propios facultativos, ás veces en ton de gratitude polo coidado, ou a dirección, queixándose das condicións do centro. Resultan reveladoras as cartas enviadas por homes aos médicos en agradecemento pola cura das súas mulleres “que antes eran tristes”.