Cadaval, Regueiro e Blanco, premios Valentín Paz Andrade en Economía

O galardón recoñece investigacións sobre a fiscalidade eólica e a vulnerabilidade

O reitor Antonio López

O reitor Antonio López / ECG

Redacción

A fiscalidade da enerxía eólica e a análise socieoeconómica da vulnerabilidade de Galicia centran os traballos gañadores da novena edición do Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia. O galardón, entregado onte e convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia), distingue aqueles traballos de investigación que contribúen ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar da cidadanía. O reitor Antonio López presidiu o acto de entrega que se desenvolveu no Colexio de San Xerome e no que se premiou as profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, así como a Bruno Blanco Varela.

Os traballos premiados nesta ocasión chaman a atención sobre a necesidade de seguir apostando polo público como garante da igualdade de oportunidades, afirmou o reitor Antonio López, informa a USC. Así, continuou o reitor, o premio a traballos en revistas pon en valor a investigación feita dende Galicia e con proxección. Dolores Riveiro, directora do Idega, destacou, pola súa parte, a calidade científica dos traballos que concursaron, así como a relevancia temática das obras. Agustín Hernández, presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES) gabou ademais a figura de quen dá nome a estes premios pola súa polifacética actividade en “tempos difíciles e sempre movido polo amor a Galicia e o crecemento desta terra”.