Comeza a 18ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego

A sesión inaugural terá lugar mañá no Teatro Principal, un dos tres espazos que acollerán a programación da MICE ata o 21 de marzo // documental ‘As cidades e as Trocas’ protagoniza o primeiro pase da sección Trazas, realizada en colaboración co Cineclube de Compostela

Canto de emigracion

Canto de emigracion / Museo do Pobo Galego

Redacción

A 18ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego dá comezo este mércores 15 coa reconstrución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio

Román Canto de emigración. A cita é ás 20 horas no Teatro Principal, un dos espazos da cidade que, xunto co Museo do Pobo Galego e a Numax, acollerán a programación desta décimo oitava edición da MICE.

Considerada na súa época como un dos raros exemplos de cine de vangarda en España, Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos) (1934) contaba a historia dun campesiño galego que retorna pobre e enfermo do seu exilio en América. Malia que non se conservan copias do filme, si permanecía o guión e fotografías da rodaxe, a través das cales Coira fixo a reconstrución. Tamén se conserva a partitura orixinal da música composta por Teódulo R. Páramos, que interpretará en directo sincronizada coa proxección a Orquestra Clásica de Vigo, a formación destas características máis antiga de Galicia.

Ao acto inaugural asistirán a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o guionista e produtor Pepe Coira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; e a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira.

A continuación, ás 22 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira das sesións de Trazas, unha das seccións paralelas da MICE, organizada en colaboración co Cineclube de Compostela. Proxectarase As Cidades e as Trocas, un filme portugués dirixido por Luísa Homem e Pedro Pinho, que ten como tema de fondo a rururbanía, a temática que artella esta décimo oitava edición da MICE. De corte documental, narra a crise de crecemento do sector turístico experimentada a partir de 2008 en Cabo Verde, e as transformacións sociais e físicas que o conflito e a súa internacionalización xeran na paisaxe.

A 18 MICE, que continuará ata o 21 de marzo, conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. As entradas para todas as proxeccións son de balde. Máis información, na web: http://mice.museodopobo.gal/en/informacion