Sete proxectos composteláns, finalistas na vixésima edición dos Premios COAG

A restauración das cubertas da Catedral na nave principal e o cruceiro, a rampa de chegada do Camiño francés a Santiago na rúa do Gozo ou o acondicionamento do do xacemento do Castelo da Rocha Forte na Rocha Vella son algunhas das obras seleccionadas

Restauración de las cubiertas de la Catedral, una de las obras finalistas en los premios COAG

Restauración de las cubiertas de la Catedral, una de las obras finalistas en los premios COAG / Catedral de Santiago

Redacción ECG

O Colexio de Arquitectos de Galicia entregará mañá, 18 de marzo, os galardóns da XX edición dos Premios COAG de Arquitectura na Fábrica de Cerámica de Sargadelos, en Cervo. Trátase dun recoñecemento ás mellores obras da arquitectura galega presentadas á convocatoria, visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos no último bienio.

Entre as 31 finalistas desta edición, o xurado seleccionou sete obras realizadas en Santiago de Compostela. Na categoría de "residencial de nova pranta. vivenda unifamiliar", a Casa 2M da rúa do Medio 4, de Dosesmas Arquitectos, compite coa Casa Tomada de Vigo ou a Casa Hutmann da Coruña e unha vivenda unifamiliar en Coristanco.

No apartado de "vivenda colectiva" figuran os tres edificios para 125 vivendas sitos na rúa Manuel Beiras 5, obra de Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide.

A restauración das cubertas da Catedral, na nave principal e cruceiro, de Iago Seara Morales e Juan Orozco Corredoira, está nomeada xunto con outras catro intervencións de "restauración e rehabilitación" en Galicia.

A nosa cidade conta tamén con representación nas categorías de "Arquitecturas efémeras e de deseño", con dúas das tres propostas escollidas: WU Lamp, de María Elena López Fernández e Julio Turnes Vieito, e a exposición "Paisaxes incultas. A metamorfose do monte galego” nas Torres Hejduk, de Cristina García Fontán.

A rampa de chegada do Camiño Francés a Santiago na rúa do Gozo, de Juan José Creus e Covadonga Carrasco, e o acondicionamento do xacemento do Castelo da Rocha Forte na Rocha Vella, de Redondo Valladares e Rodríguez, pechan o listado compostelán de finalistas.

Gala de entrega

As persoas gañadoras daranse a coñecer no transcurso do acto, que estará conducido polo xornalista Nico Carreira e que contará coa asistencia dos representantes do Colexio de Arquitectos de Galicia, encabezados pola súa decana Elena Ampudia. Asistirán tamén personalidades do eido da política, como a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez; a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López; o deputado da Área de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Roberto García Pernas; e o alcalde do Concello de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez.

Tamén acudirán ao evento representantes de colexios profesionais e do ámbito académico, como a presidenta do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), Marta Vall-Llosera Ferrán; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC), Plácido Lizancos Mora; a directora da Escola de Arquitectura de CESUGA, Silvia Blanco Agüeira; o vicepresidente do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Darío López Fernández; o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Enrique Urcola Fernández-Miranda; e a presidenta do Colegio Oficial de Agentes de la Propiedad Inmobiliaria de A Coruña, Patricia Vérez Cotelo.

O espazo escollido para facer esta entrega de premios é moi representativo para o colectivo de arquitectos. A Fábrica de Cerámica de Sargadelos foi creada a principios do século XIX por Antonio Raimundo Ibáñez, e estivo en funcionamento ata 1875. A súa restauración foi realizada polo Laboratorio de Formas na década dos sesenta do século XX, grazas ás ideas do pintor, ceramista e deseñador Isaac Díaz Pardo que se entusiasmou coa historia deste complexo industrial, siderúrxico e cerámico creado polo Marqués de Sargadelos, ao igual que o pintor e debuxante Luis Seoane, que o acompañou nesta aventura. O arquitecto Andrés Fernández-Albalat (A Coruña, 1924-2019), decano fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia, foi o responsable de deseñar a planta circular da nova fábrica de Sargalelos onde comezaron a poñerse en práctica as ideas do Laboratorio de Formas, é dicir, o estudo das formas galegas e a súa aplicación aos obxectos industriais, concretamente á cerámica, á loza e ás pezas ornamentais, co obxecto de producir un produto diferenciado e co valor engadido da súa orixe. Esta planta circular da fábrica é a imaxe do logotipo do 50 aniversario do COAG, conmemoración que celebra este ano a entidade colexial.

A actriz María Roja representará unhas dramatizacións, con guión da xornalista Marta Veiga Izaguirre, para explicar o proceso creativo de Sargadelos desde a visión das mulleres vinculadas a diversos homes que tiveron que ver na historia da fábrica, como a filla do Marqués de Sargadelos ou a muller de Isaac Díaz Pardo, Carme Arias Montero.

O evento conta coa colaboración de diversas empresas e entidades: ABANCA, Grupo Aluman, Exlabesa, Finsa, Fundación Arquia, Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, Ramírez Construcciones, Rodiñas, Saint-Gobain, Sargadelos, EspacioHabit e Tejas Verea.

A arquitectura emocional de Pascuala Campos de Michelena

Por outra parte, a Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia outorgou este ano o Premio á Traxectoria Profesional á arquitecta Pascuala Campos de Michelena (Sabiote, Jaén, 1938), cunha vida e carreira ligadas á cidade de Pontevedra. Foi a primeira catedrática de Proxectos de España e tivo unha percorrido arquitectónico tinguido dun profundo coñecemento da terra galega e da cultura construtiva local, creando unha arquitectura emocional.

Pascuala Campos

Pascuala Campos / Cedida

Pascuala Campos une o proceso do proxecto co proceso de identidade, ambas construcións no tempo, accións emocionais. Nas súas obras amosa a súa resposta arquitectónica tinguida dun profundo coñecemento desta terra. Entre as súas obras de finais dos 60 e comezos do 70 destacan a casa do párroco de Marín (1968), a casa Pais de Sanxenxo (1968), os colexios públicos de Salcedo e Campañó (1971) ou o Concello de Pontecesures (1975).

Xa na década de 1980 traballou desde o seu estudio soa ou en colaboración realizando traballos como o planeamento de intervención sobre o núcleo urbano de Combarro (1986-1987); a cooperativa San Martiño en Pontevedra, en colaboración con Ana Fernández Puentes; a escola de Formación Pesqueira da Illa, en colaboración con Amparo Casares, Federico Garrido, Jaime Rodríguez Abilleira e Teresa Táboas (1990); ou o curro de Sabucedo, en colaboración con Inmaculada Garcés Navarro (1996) para tratar recuperar a antiga dimensión do espazo da festa da Rapa das Bestas.