O IGFAE participa nun estudo que analiza os raios cósmicos máis enerxéticos

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías / ECG

Redacción

O observatorio Pierre Auger participou recentemente nun traballo publicado en The Astrophysical Journal Supplement Series cos 100 raios cósmicos máis enerxéticos xamais detectados neste detector entre 2004 e 2020. O artigo compleméntase cun catálogo en liña no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, que permite explorar de forma sinxela e interactiva as súas características, direccións de chegada á Terra ou os detectores que os observaron. O estudo xorde con motivo de que un dos grandes misterios en astropartículas é saber como unha partícula, na súa viaxe polo cosmos de centos de millóns de anos luz cara á Terra, pode ser acelerada cunha enerxía ata dez millóns de veces superior á que alcanzan os protóns no acelerador de partículas máis potente do mundo, o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN. Un raio cósmico é unha partícula, a maioría protóns ou núcleos máis pesados, que cando chega á atmósfera, interacciona con ela e produce unha chuvia de partículas secundaria, a modo de fervenza, que abarca unha extensión xigantesca.

En concreto, o equipo do IGFAE que participou neste traballo é experto na reconstrución de chuvias de partículas moi inclinadas e desempeñou un papel crucial na recompilación, reconstrución e análise dos eventos incluídos no catálogo. “O estudo desta radiación extremadamente enerxética é moi relevante para identificar as fontes de raios cósmicos máis extremas e violentas do universo, que posiblemente conseguen a súa enerxía alimentándose de obxectos como buracos negros supermasivos. Na actualidade, o Observatorio atópase nunha fase de actualización denominada AugerPrime na que se están instalando detectores de escintilación na parte superior dos detectores de superficie para mellorar os estudos sobre a composición de masa dos raios cósmicos de ultra alta enerxía”, apunta Jaime Álvarez Muñiz, un dos autores do IGFAE asinante do traballo.

TEMAS