O Observatorio Ramón María Aller aposta por acercar a astronomía ao estudantado

De marzo a outubro celebrarase un programa que conta con observacións nocturnas e charlas sobre este ámbito // Tamén poderá participar PDI, PAS e a cidadanía en xeral

José Ángel Docobo traballando no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC / santi alvite

José Ángel Docobo traballando no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC / santi alvite / lorena rey

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC traballa dende hai oitenta anos en catro misións: a investigación astronómica, a docencia universitaria, a divulgación e a estación meteorolóxica que ten en colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía aportando os datos da cidade de Santiago.

No apartado de investigación destaca a liña de sistemas estelares dobres e múltiples, introducida polo fundador do Observatorio, no que na actualidade hai distintos proxectos en vigor, en concreto do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía a través da Axencia Estatal de Investigación. “Temos acceso a varios telescopios situados no estranxeiro con un diámetro de obxectivo de máis de catro metros e mediante colaboracións externas tamén temos acceso puntual a telescopios de clase 8 metros”, comenta a El CORREO o seu director, José Ángel Docobo. Engade, ademais, que dende o Observatorio tamén se emite a circular de información da Comisión de estrelas dobre e múltiples da Unión Astronómica Internacional dende hai trinta anos.

Por outra banda, impártese docencia en varios graos da Universidade: Matemáticas, Física, Óptica e no IV Ciclo Universitario (Universidade de maiores de 50 anos), dende o ano 1997. Esta tamén é a data do inicio do Programa de Extensión Cultural de Astronomía (PECAS) que este ano celebra a súa 24ª edición despois duns anos de parón pola covid.

Docobo, que xunto a Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto integran o equipo de traballo, explica o seu funcionamento. “A xente que se inscribe divídese en grupos e cada un ten unha axenda de traballo. Hai observacións nocturnas de astros do Sistema Solar como de estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas, e galaxias e unha observación diurna”, di. Isto vai acompañado de charlas teóricas que este ano se van impartir na aula magna da Facultade de Óptica e Optometría. A primeira será o vindeiro 23 de marzo, coincidindo coa presentación do curso, onde Docobo falará sobre o fundador do Observatorio e do seu funcionamento. A maiores, haberá outras catro charlas adicadas a distintos temas astronómicos de interese.

Este programavai dirixido a alumnado de USC e pode incorporarse PDI (Persoal docente e investigador) PAS (Persoal de administración). Tamén dende hai anos está aberta a inscripción ao público en xeral. Os interesados poderán inscribirse os vindeiros días 20, 21, e 22 de marzo.

Docobo ve que en liñas xerais hai interese pola astronomía. “Cando foi a conxunción do planeta Venus con Xúpiter fixemos unha sesión da observación aberta convocada a través de redes sociais e acercáronse aquí unhas 200 persoas, onde a maior parte era alumnado”, confirma. Aínda así recorda que “antes de que cando había licenciaturas na Universidade antes da creación dos graos no PECAS ofertábanse 400 prazas para un día e quedaban outras tantas na lista de agarda, pero agora a xente ten menos tempo para adicarse a actividades culturais e formativas”. A pesar disto confía en que as matrículas superen este ano as douscentas habituais.