Álvaro Pérez representa mañá a Santiago polo título de Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia 2023

Organizada por Turismo de Galicia, a Gala Show Cooking terá lugar no Hotel Monumento San Francisco.

Álvaro Pérez de ArteSana Gastrobar

Álvaro Pérez de ArteSana Gastrobar / ECG

ECG

Sete petiscos, sete cociñeiros e sete cidades. De Tapas por Galicia 2023 poñerá a competir mañá a sete cociñeiros das principais cidades galegas nunha aposta de Turismo de Galicia pola promoción do turismo urbano aderezada pola súa oferta gastronómica. E entre eles estará representando á cidade de Santiago de Compostela Álvaro Pérez de ArteSana Gastrobar con Queixo.

A VII Gala Show Cooking "Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia" é o peche dunha campaña de Turismo de Galicia para atraer a un turista curioso, inquedo e disfrutón disposto a probar experiencias e ao que lle gusta realizar escapadas en calquera época do ano.

A gala comezará ás 19.30h no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela. Os medios interesados en cubrir o acto deben enviar confirmación antes de mañá ás 12 horas a detapasporgalicia2023@octo.es

Cada chef disporá dun máximo de 7 minutos para rematar a súa tapa no escenario. E a orde será: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela.

Os finalistas son: Sheila Martínez do restaurante Roots (A Coruña); Álex M. Bacelo e Mar Lago do Bacelo (Ferrol); Beatriz Alcalá de La Zapatería del abuelo (Ourense); Ana Vilar da Cervexaría Leria (Vigo); Rubén González de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra); Álvaro Villasante do Paprica (Lugo) e Álvaro Pérez de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela).

A Coruña.

Tapa que concursará: Gyoza de chocos na súa tinta.

Chef: Sheila Barbeito e Fernando Estévez do Roots.

Ferrol.

Tapa que concursará: Bocado de aldea.

Chef: Álex M. Bacelo e Mar Lago do Restaurante Bacelo.

Lugo.

Tapa que concursará: Bonito, morrón, cebola e paixón. Que rico sabor!

Chef: Álvaro Villasante do Restaurante Paprica.

Ourense.

Tapa que concursará: Canta castaña.

Chef: Beatriz Alcalá de La Zapatería del abuelo.

Vigo.

Tapa que concursará: Xema na Fraga.

Chef: Ana Vilar da Cervexaría Leria.

Pontevedra.

Tapa que concursará: Vacalao: do crú ao cociñao.

Chef: Rubén González de El Cafetín de la Alameda.

Santiago de Compostela.

Tapa que concursará: Queixo.

Chef: Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar.

Os sete cociñeiros disputaranse dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que está integrado por Roberto Filgueira do Restaurante O Balado (Grupo NOVE), Marta Fernández, directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG); Laura García del Valle, xornalista e autora de “La Galicia del plato pequeño”; por Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; e Lola Crespo Núñez-Villaveirán, @lolaframbuesa, que valorarán cada petisco segundo a complexidade técnica, a creatividade, a presentación e o sabor. Por outra, o premio do xurado popular, que se elixirá mediante un sistema de televotación. Os dous gañadores faranse con cadanseu trofeo acreditativo e un vale de até 500€ que poderán trocar en restaurantes do Grupo Nove.

A cita enmárcase na estratexia que Turismo de Galicia desenvolve para promover este tipo de turismo cultural e de proximidade, a través da cooperación entre as empresas do sector, as asociacións e as institucións. Unha cita consolidada que vai xa pola súa sétima edición e que deixa patente a variedade e creatividade da gastronomía galega, mais enmarca tamén ditas experiencias en cidades atraentes e dinámicas cunha historia e cultura de seu.