A relación do centro urbano de Santiago coa contorna natural é excepcional. Desde case calquera punto da cidade ábrense perspectivas que descobren as verdes masas de arboredo dos parques urbanos, ou os prados e bosques dos montes circundantes. Para nos aproximar ao Santiago máis verde, o Concello vén de facer público un catálogo que recolle oito sendas naturais recomendadas para pasear Compostela e arredores.
O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron este martes no Pazo de Raxoi Sendas de Santiago, coincidindo co Día Internacional dos Bosques. Segundo apuntou Guinarte, o proxecto ten un dobre obxectivo: por unha banda dirixirse a dous segmentos turísticos importante para o modelo turístico da cidade, o turismo de natureza e o turismo familiar; e por outro, ser unha ferramenta para ofrecer alternativas que permitan descentralizar os fluxos turísticos que se concentran na Catedral e no Casco Histórico.
Os espazos verdes da cidade inclúen parques, xardíns, hortas e ríos e paisaxes, que se complementan coas zonas non urbanizadas das parroquias, que seguen conservando a súa estrutura rural. Xuntando os metros cadrados de zonas verdes que xestiona directamente o Concello de Santiago ás zonas administradas pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela corresponden máis de 80 metros cadrados por habitante, moi por riba da media recomendada pola Organización Mundial da Saúde, que é de 10-15 metros por habitante.
A riqueza natural de Santiago
O proxecto Sendas de Santiago nace para poñer en valor turístico estes inmensos recursos naturais cos que conta o Concello, deseñando oito sendas naturais pensadas para acceder camiñando desde a cidade, de curta e media duración e pouca ou ningunha dificultade, que se poidan realizar nun par de horas ou medio día como máximo e orientadas tanto a familias, como a persoas con mobilidade reducida, cicloturistas ou sendeiristas máis avezados.
As oito sendas que se deseñaron son: 01. Río Sarela Arriba; 02. Río Sarela Abaixo; 03. Finca do Espiño, Selva Negra e Granxa do Xesto; 04. Monte Pedroso; 05. Río Sar, Muiño de Parceiros; 06. Río Sar, Bosque do Banquete de Conxo; 07. Bosque de Galicia, Cidade da Cultura, Parque do Lago; e 08. Monte Viso, Senda mitolóxica. Percorrendo estas oito sendas teríase un coñecemento preciso da unión que se dá entre o centro urbano de Santiago e a natureza en practicamente todas direccións nas que se vaia.
As sendas, elaboradas co apoio da Deputación da Coruña, están dispoñibles na oficina de información de Turismo de Santiago, pero tamén na páxina web da entidade municipal, santiagoturismo.com, onde poden descargarse tanto os folletos cos planos en pdf como as rutas virtuais (tracks das rutas en distintos formatos). No folleto de cada senda descríbese a ruta que se vai percorrer, a súa distancia e duración estimada así como o seu grao de dificultade, entre outros.
A cidade aséntase entre tres montes principais –Pedroso, Viso e Gaiás- e componse de pequenos outeiros. Todas estas elevacións fan de miradoiros naturais sobre o núcleo urbano e a omnipresente Catedral.
Dous pequenos ríos, Sar e Sarela, circundan a cidade. Os carreiros que discorren polas súas ribeiras, outrora cubertas de muíños fluviais e de tradicionais fábricas de curtidos, xunto cos que percorren o parque forestal do monte Pedroso, e os montes Gaiás e Viso, conforman unha rede de agradables paseos naturais aos que se chega facilmente andando desde o centro.
En canto aos parques e espazos verdes, fala por si mesma a superficie dedicada a ese uso: máis de 5 millóns de metros cadrados -o que supón unha media de 50 m2 por habitante, superior á media europea-, que fan de Santiago unha cidade de gran calidade ambiental e paisaxística con múltiples recoñecementos ambientais.
Pero Santiago é moito máis que o seu núcleo urbano: a superficie municipal total é de 223 km2, que inclúen 21 parroquias rurais. Ademais, o municipio santiagués intégrase nunha comarca natural, regada por dúas dos principais ríos galegos, o Tambre e o Ulla -famosos polas súas troitas, escalos e salmóns-, moi aptos para a práctica de múltiples deportes de río, e con estupendas praias fluviais e áreas recreativas e sendeiros a menos de 15 minutos en coche.