Jorge Duarte: “Na comisión de hoxe quedou en evidencia que Bugallo minte sobre Castrón Douro”

Na comisión asesora de hoxe, o Goberno tivo que deixar o proxecto sobre a mesa por falta de apoios // O concelleiro de CA pídelle ao alcalde “que non invente escusas, porque quedou demostrado que a diferenza entre facer o proxecto ben e facelo mal é de só 150.000 euros”

O concelleiro de Compostela Aberta, Jorge Duarte.

O concelleiro de Compostela Aberta, Jorge Duarte. / CA

ECG

“Bugallo mentiu sobre os seus motivos para non executar o proxecto orixinal da segunda fase da reurbanización de Castrón Douro, e así quedou en evidencia na comisión asesora de hoxe”. Así o asegurou o concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte, que urxiu ao alcalde a aclararlle á veciñanza “por que non quere acometer as obras tal e como quedaron acordadas no pasado mandato, e por que pón como escusa o retranqueo da rede de telefonía, que está orzado en 150.000 euros”. CA levará ao próximo Pleno unha proposición na que demanda que se manteña o proxecto para a segunda fase da reurbanización de Castrón Douro tal e como foi acordado coa veciñanza no pasado mandato.

Jorge Duarte participou esta mañá na Comisión Asesora que deixou sobre a mesa o proxecto para a segunda fase da reurbanización de Castrón Douro, “tras comprobar o Goberno que non contaba co apoio necesario para que a actuación saíra adiante”. De feito, explicou, “Compostela Aberta xa transparentara que votaría en contra do proxecto, porque non hai motivos de peso que xustifiquen que se faga unha actuación peor da que estaba previsto, e que se intente licitar ás presas a só dous meses dunhas eleccións”. Nesa liña, o concelleiro de CA acusou a Bugallo de “non ser claro cando onte puxo a escusa do retranqueo das redes de Telefónica para non acometer o proxecto orixinal, que eliminaba os desniveis existentes fronte ás casas, porque os informes técnicos non din que non se poida acometer a obra, e orzan en só 150.000 euros o sobrecusto por esta actuación”. De feito, incidiu, os informes sinalan que “o recuado da instalación telefónica supón unicamente un 11% do orzamento total estimado para a intervención, sendo moito maior o incremento que supón a actualización de prezos do proxecto orixinal (cuantificado en 320.000€, o que supón un 24% do orzamento total estimado). Enténdese por tanto que, dende o punto de vista da protección do patrimonio da cidade histórica, estaría xustificado que este incremento do 11% (150.000 €) fose asumido polo concello tendo en conta a mellora que supón a solución prevista no proxecto orixinal fronte á do proxecto modificado”.

Proposición a Pleno

Jorge Duarte lembrou que a semana pasada visitou, xunto con María Rozas, a zona de Castrón Douro, “e alí comprobamos que a veciñanza non fora informada polo Goberno da súa intención de modificar o proxecto da segunda fase da reurbanización da rúa, proxecto que fora consensuado coa veciñanza durante o anterior mandato”. Para o concelleiro, “Bugallo non se pode deixar polas presas electoralistas, despois de catro anos sen facer nada cun proxecto que recibiu feito e acordado, e permitindo que a rúa incrementara o seu deterioro”. Compostela Aberta levará ao Pleno unha proposición para que a Corporación se posicione, reclamando que se manteña o proxecto orixinal para a segunda fase das obras de Castrón Douro “que continuaba a liña das obras executadas no primeiro tramo da rúa ata Patio de Madres, e que permitirá melloras na accesibilidade nas vivendas da rúa”