O Citius aposta por mellorar as capacidades lectoras de adultos menos alfabetizados

Nun proxecto europeo crearán ferramentas que poidan identificar a complexidade dun texto

Reunión de lanzamento do proxecto europeo iRead4Skills

Reunión de lanzamento do proxecto europeo iRead4Skills / lorena rey

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (Citius) xuntará esforzos con outras sete institucións europeas para avaliar e reducir as carencias en competencias lectoras das persoas adultas con baixo nivel de alfabetización, promovendo así o desenvolvemento das súas competencias fundamentais e transversais.

A iniciativa, liderada pola Universidade Nova de Lisboa acaba de celebrar a súa reunión de lanzamento, un consorcio que conta con socios de catro países (Portugal, España, Bélxica e Luxemburgo) e está financiada pola Unión Europea con preto de 2,7 millóns de euros, grazas ao programa marco de axudas ‘Horizon Europe’.

Unha das primeiras fases do proxecto, que non implica directamente á USC, “é entrar en contacto con institucións tanto públicas como privadas de ensino de alfabetización a adultos”, indica a EL CORREO Marcos Garcia, investigador Ramón y Cajal no Citius en Lingüística Computacional e profesor da área de Lingüística Xeral da USC, quen dirixe o proxecto dende o Citius en colaboración con Pablo Gamallo, Alejandro Catalá e José María Alonso. Para España o foco principal estará na Universidade Autónoma de Barcelona.

O Citius contribuirá coa súa experiencia na área do Procesamento de Linguaxe Natural (PLN), un procesamento computacional que ten como obxectivo procesar texto. “Neste caso no que nos vamos enfocar é facer ferramentas que automáticamente sexan capaces de identificar se un texto é complexo, moi complexo, e en que aspescto como pode ser a sintaxe ou o léxico”, detalla o investigador.

O proxecto fornecerá, ademais, un sistema de lectura intelixente para avaliar a complexidade dos textos e suxerir lecturas adecuadas en función do nivel de alfabetización de cada persoa. “A idea para a parte final do proxecto é que tanto os aprendices como os propios profesores poidan inserir textos e que a ferramenta lle diga si está adaptado para a persoa usuaria”, contempla.

Nunha primeira parte do traballo ten importancia o coñecemento lingüista teórico “porque para que a ferramenta sexa capaz de decir si un texto ten complexidade primeiro un lingüista ten que lle ensinar os fenómenos lingüisticos que producen maior complexidade como pode ser un léxico difícil, oracións demasiado longas ou oracións sintácticas complexas”. Despois ao implementalo na máquina “entra en acción a intelixencia artificial feita por unha persoa con perfil computacional”.

En paralelo ao obxectivo de traballar en ferramentas que sexan capaces de analizar a complexidade dos textos para mellorar a aprendizaxe da competencia lectora de adultos preténdese mellorar o nivel doutras destrezas como “as habilidades de comunicacións, resolución de problemas, na procura de emprego, ou compresión de textos oficiais”, relatou.