Oito paseos a pé desde o centro de Santiago en contacto coa natureza

Un percorrido pola Compostela mais natural

Javier Rosende Novo

Redacción

Cada habitante de Santiago dispón de máis de 80 metros cadrados de zonas verdes. Hai pisos na cidade con dimensións ben máis reducidas, e está moi por riba da media recomendada pola Organización Mundial da Saúdeque é de 10 a 15 metros cadrados por habitante.

O dato dá conta da intensa relación que garda o centro urbano de Santiago coa súa contorna natural. Desde case calquera punto da cidade ábrense perspectivas que descobren as masas de arboredo dos parques urbanos, pero tamén dos prados e bosques dos montes circundantes.

Ademais de Patrimonio Cultural da Humanidade pola súa beleza urbana e integridade monumental, así como pola significación espiritual como santuario apostólico, Santiago posúe un rico patrimonio natural. Numerosos parques, xardíns, hortas e ríos, que se complementan coas zonas non urbanizadas das 21 parroquias do municipio, que manteñen en boa medida a súa estrutura rural.   

Pedroso, Viso e Gaiás así coma pequenos outeiros, fan de miradoiros naturais sobre o núcleo urbano e a omnipresente Catedral.

Dous pequenos ríos, Sar e Sarela, circundan a cidade. Outrora cubertos de muíños fluviais e de tradicionais fábricas de curtidos, os carreiros que discorren polas súas ribeiras, xunto cos que percorren os montes antes citados, conforman unha rede de agradables paseos naturais aos que se chega facilmente andando desde o centro.

Compartimos as oito sendas deseñadas por Turismo de Santiago para percorrer o Santiago natural:

01. Senda Río Sarela arriba

02. Senda Río Sarela abaixo

Rutas lineais que percorren unha parte do río Sarela augas arriba e augas abaixo, respectivamente. De fácil acceso desde a cidade vella, pola zona de Galeras. O paseo permiter ver os diferentes usos do río na antigüidade, pasando por vellos muíños, curtidurías, fontes e lavadoiros.

03. Senda Finca do Espiño - Selva Negra - Granxa do Xesto

O paseo lévanos á aba do Monte Pedroso e ofrécenos espléndidas vistas de Santiago, á vez que podemos gozar de tres destacadas zonas verdes, tanto por extensión, como pola existencia de árbores singulares e de zonas de lecer e descanso.

04. Senda Monte Pedroso

Roteiro circular que enlaza o río Sarela coas masas forestais de Selva Negra e o Monte Pedroso, desde onde podemos gozar dunhas espléndidas vistas de Santiago.

05. Senda Río Sar - Muíño de Parceiros

Roteiro circular que enlaza as Brañas do Sar co Parque Eugenio Granell ata o Muíño de Parceiros. A súa proximidade ao centro urbano durante todo o traxecto permite acceder ao roteiro case desde calquera punto e deixala tamén en calquera momento. 

06. Senda Río Sar - Bosque do Banquete de Conxo

Ruta circular que enlaza as Brañas do Sar co Parque Eugenio Granell e o Bosque do Banquete de Conxo. A súa proximidade ao centro urbano durante todo o traxecto permite acceder á ruta case desde calquera punto, e deixala tamén en calquera momento. 

07. Senda Bosque de Galicia - Cidade da Cultura - Parque do Lago

Ruta moi accesible nunha das zonas máis elevadas da cidade, o que permite gozar de estupendas vistas panorámicas e achegarse a coñecer a Cidade da Cultura, así como os bosques que a rodean.

08. Senda Monte Viso - Senda Mitolóxica

Ruta circular engalanada de esculturas de seres fabulosos da tradición oral galega. Desde o punto máis alto abárcase unha vasta vista do horizonte coa mellor panorámica da cidade e dos montes e vales que a rodean.