A USC aposta por propostas artísticas emerxentes que conecten co alumnado

Na primeira edición da Primavera Cultural inclúese unha ampla programación con música, teatro e exposicións, entre outras propostas co obxectivo de visibilizar a cultura

Ensaio da Orquestra da USC, que ofrecerá varias actuacións na Primavera Cultural / santi alvite

Ensaio da Orquestra da USC, que ofrecerá varias actuacións na Primavera Cultural / santi alvite / lorena rey

Acercar as propostas artísticas ao estudantado como elemento de reflexión que promova o espíritu crítico é a filosofía da primeira edición da Primavera Cultural da USC. En concreto, este proxecto nace co “dobre obxectivo de completar a axenda cultural que xa se viña ofrecendo á comunidade universitaria e á cidade en xeral, reforzándoa con programas novos, unido á visibilización, o que fai un paquete moi interesante de propostas culturais en variedade e cantidade”, explica en conversación con este medio a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. Unha iniciativa que se pretende continuar en outono e en próximas edicións.

Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais son parte da programación da Primavera Cultural, onde tamén se enmarcan as Faíscas Culturais, unha iniciativa que botou a andar a finais do ano pasado e coa que a USC introduce nas clases de diversas materias proxectos artístico-pedagóxicos que serven de ancoraxe para a reflexión e o debate. Ata agora a liña que seguiron foi a representación de Shakespeare en Roma do Centro Dramático Galego. “Polo momento a valoración é moi positiva. Gracias a estas Faíscas pasaron polo Salón Noble de Fonseca máis de 300 estudantes e xeramos unha serie de actividades en varias facultades”, indica Pilar Murias, quen engade que se trata de “plantexar ao alumnado unhas clases distintas con xente implicada no proxecto e nas que se tratan asuntos que iban abordarse en diversas materias de maneira máis transversal”. Agora, no Primavera Cultural incluiranse as actividades de Faíscas Culturais que aínda quedan relacionadas con Shakespeare en Roma, aínda que a vicerreitoría de Cultura xa está traballando nas que serán as faíscas de outono.

En conxunto, na programación inclúese todo o traballo que realizou o alumnado en meses anteriores. En teatro coa XXII Mostra de Teatro Universitario de Galicia ou os Coloquios con café na Vidal Bolaño mostrarase o resultado dos estudantes tras a formación recibida na Aula de Teatro dende setembro. Tamén está implicado o estudantado no XXI Encontro de Danza, “que a maiores vai a contar coa participación doutras compañías”. En canto á música, unha boa parte da programación ten que ver coa Orquestra Universitaria formada por máis de 50 persoas. “A maioría son estudantes que están ensaiando estas semanas e ten moito mérito porque o fan mentras lle adican tempo aos estudos”, indica.

No apartado de música o reto é “achegarnos á comunidade universitaria máis nova con alternativas de ocio máis próximas aos seus intereses e linguaxe”. Por isto contará con concertos como Catuxa Salom e Grande Amor. Este último será a primeira proposta da Primavera Cultural que terá lugar mañá, ás 21.00 horas na Igrexa da Universidade. As distintas propostas celebranse ata o mes de setembro en distintas ubicacións da cidade.

Con todo, Murias aprecia que “non sería xusto decir que algunhas das mostras que se viñeron facendo van ter un éxito de público ao estar incluídas no Primavera Cultural pero si nos permite que unhas propostas reforcen outras máis descoñecidas por unha parte do estudantado que están máis á marxe das iniciativas artísticas”.

Proxectos de dinamización deportiva-cultural

De xeito paralelo estanse a desenvolver nos diferentes centros da USC as actividades impulsadas ao abeiro das Axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos de dinamización físico-deportiva e cultural, impulsadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura. Na busca da conexión co estudantado o que se fixo este ano foi sacar unha convocatoria dotada de 50.000 euros “para que os membros da comunidade universitaria puidesen presentar proxectos culturais ou deportivos que poideran dinamizar centros da USC”. Tiveron 25 solicitudes e finalmente financiáronse 22 proxectos. Pilar Murias indica que “boa parte son presentados directamente por alumnos/as” a través do Consello de Estudantado así como tamén tiveron oportunidade de propoñerse iniciativas dende facultades, escolas, residencias ou colexios maiores da USC. Ademais, cada proxecto presentado tivo que contar cun mínimo de avais de estudantes, garantía de que fose unha iniciativa que realmente estivese en consonancia cos intereses do alumnado. “O obxectivo volve ser acercanos ao estudantado con propostas que lles poidan interesar”, indicou.