A USC ten trinta días para negociar o plan de acción social que beneficia a 543 traballadores

Unha segunda sentenza pídelle as contías do exercicio 2021 // Os servizos xurídicos están valorando o contido e implicacións da resolución para adoptar a medida que corresponda

Persoas pasando por diante do Pazo de Fonseca, sede orixinal da Universidade de Santiago / jesús prieto

Persoas pasando por diante do Pazo de Fonseca, sede orixinal da Universidade de Santiago / jesús prieto / lorena rey

A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve condenar a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a negociar cos sindicatos as achegas ao plan de acción social do persoal de administración e servizos (PAS) con vínculo laboral, un colectivo formado por 543 persoas segundo recolle a sentenza. O alto tribunal dálle a Universidade un prazo de trinta días para abrir un proceso negociador para acordar as contías do dito plan para o exercicio 2021.

Segundo esta nova sentenza —a anterior é do 2020, referente aos exercicios 2018 e 2019—, a USC vulnerou tanto o disposto no convenio colectivo como o dereito dos traballadores e traballadoras á negociación colectiva.

Sobre o incumprimento, Enrique Tacón, delegado de CCOO e presidente do comité intercentros da USC, comentou a EL CORREO que a finais de 2021 “pensabamos que a USC iba facer de oficio as aportacións ao plan de pensións. Solicitámolo pero a institución dixo que a Lei de orzamentos de Galicia llo impedía polo que pedimos unha convocatoria extraordinaria da Comisión Paritaria de Vixiancia e Interpretación do Convenio e nesa reunión a xerencia dixo que non podía e negouse a negociar. Ao non haber acordo na Comisión Paritaria levamos o tema ao xulgado”. O xuízo celebrouse a comezos de mes e a sentenza da Sala do Social de A Coruña firmouse con data do pasado luns 20 de marzo.

A USC ten a obriga de constituír anualmente un fondo de acción social para o PAS, equivalente ao 1 % da masa salarial, que se adicará a financiar un seguro para cubrir invalidez ou morte e para realizar achegas a un plan de pensións privado. Sobre a cantidade que podería cobrar cada persoa, Tacón explica que “depende do número de partícipes no fondo de pensións. Despois da sentenza de 2020 foron sobre 300 euros por ano ou incluso menos porque as persoas que se xubilan non se inclúen e o novo persoal ata pasa un ano non poden ser partícipes do plan de pensións”. O delegado de CCOO recorda que dende o ano 2012 e ata o 2018 estiveron prohibidas por lei as aportacións aos fondos de pensións das administracións públicas o que “seguramente implicou que houbera anos nos que a xente nova non se dera de alta no plan de pensións ao non facerse aportacións ningunhas”.

En definitiva, o cálculo faríase restando do 1 % da masa salarial o coste do seguro para cubrir invalidez ou morte e dividindo o resto entre os partícipes no plan de pensións. A cifra exacta descoñécese, aínda que Tacón considera que “pode achegarse ás 500 persoas participantes en dito plan”.

A maiores, a sentenza tamén obriga á USC a indemnizar a CCOO, sindicato demandante, na contía de 4.000 euros pola vulneración do dereito á negociación colectiva, unha infracción tipificada como “grave”. Esta contía é superior á estipulada no ano 2020 –3.126 euros– pola “necesidade de acudir a un novo proceso xudicial”, segundo vén recollido na sentenza.

Dende CCOO creen que poderán chegar a acordo como da outra ocasión na que “pedírannos un aprazamento dos trinta días fixados”. Nese período tamén se negociará cando se farán os relativos pagos. No anterior proceso (período 2018-2020) a contía resultante foi de 841,43 euros por partícipe no plan de pensións do PAS. “Unha parte pagárase no ano no que saiu a sentenza e o seguinte retrasouse uns meses”, indica. Esta cantidade recíbese cando a perosa se xubila ou si “por algún motivo se lle plantexa a opción de retiralos”.

Sobre a resolución cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, aínda que dende a USC destacaron que “os servizos xurídicos están valorando o contido e implicacións derivadas da sentenza para así poder adoptar a medida que corresponda”.