A recollida do lixo protesta contra Urbaser: “É vergoñento e perigoso traballar coa maquinaria que temos”

Os traballadores denuncian “incumprimentos” do convenio e están dispostos a facer folga se non se atenden as súas demandas

Concentración do persoal de Urbaser onte diante do Concello / jesús prieto

Concentración do persoal de Urbaser onte diante do Concello / jesús prieto / manu lópez

O persoal de limpeza e viaria e recollida do lixo de Santiago concentrouse onte na Praza do Obradoiro para denunciar os “incumprimentos” do convenio colectivo por parte de Urbaser, a empresa concesionaria do servizo. Os traballadores reclaman que se executen os acordos relativos ás quendas de traballo ou á conciliación familiar, así como unha renovación da maquinaria coa que realizan as súas tarefas, ao considerar que é “vergoñento e perigoso” o estado no que se atopa.

O presidente do comité de empresa, Ricardo Méndez, incidiu en que “pedimos dunha vez por todas que, se non pode vir a maquinaria nova, a que temos actualmente estea en condicións para traballar”. Así, afondou en que “precisamos camións novos. Estamos utilizando as máquinas de auga do principio da contrata pasada, de hai 18 anos. A única innovación que hai no servizo son tres varredoras eléctricas”. Méndez engadiu que “está vindo maquinaria doutras contratas cun estado parecido ás que temos ou un pouco mellor, pero están tapando con parches o funcionamento do servizo”.

Conciliación familiar

O persoal tamén esixe que se cumpra o pactado en materia de quendas de traballo e conciliación familiar, xa que a empresa “non a permite”. Méndez sinalou que “houbo compañeiros que pediron a redución de xornada ou un cambio temporal de quenda de traballo e non o permitiron, algo incomprensible, aínda máis nunha empresa grande como Urbaser”.

Do mesmo xeito, denuncian problemas á hora de solicitar cambios nos periodos de vacacións ou cos días libres, como nas quendas de noite dos días 24 e 31 de decembro, nas que “obrigaron a traballar a varios compañeiros”, segundo explicou o presidente do comité de empresa. Ao mesmo tempo, o persoal tamén rexeita as subcontratas que se están levando a cabo para prestar determinados servizos e pon en dúbida as condicións laborais nas que se desenvolven esas tarefas.

Por estas razóns, os traballadores afirman estar dispostos a convocar unha folga indefinida en caso de que non se atendan as súas demandas. “Nin nós, nin o Concello, nin a empresa queremos ningún tipo de conflito”, indicou Méndez, pero se Urbaser mantén a súa postura “teremos que chegar ata o final”. Neste sentido, Méndez lamentou que a concesionaria “ten escusa para todo. A súa versión é que todo funciona perfectamente”.

Ademais, o persoal reclama unha xuntanza co goberno local para “controlar estas cousas que se están incumprindo. Entendemos que teñen que facer cumprir o que está asinado coa empresa”, conclúe o presidente do comité.