Tempo seco e temperaturas en ascenso os festivos de Semana Santa en Santiago

As temperaturas máximas quedarán arredor dos 20ºC en moitos puntos da comunidade

Persoas pasando diante do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela

Persoas pasando diante do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Redacción

Santiago de Compostela terá este domingo ceos con nubes e claros, e a predicción de Meteogalicia apunta a unha melloría a curto prazo.

Galicia quedará durante o domingo baixo a influencia das altas presións, centradas nas Illas Británicas. Así, comezaremos a xornada con intervalos de nubes baixas e bancos de néboa que darán paso a ceos despexados ou con nubes de tipo alto.

As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, con xeadas febles no interior, mentres que as máximas non experimentarán cambios, con lixeiros ascensos na metade sur. Os ventos soprarán frouxos do nordés, con intervalos de moderado no litoral norte.

A partir do luns, os ceos tenderán a estar pouco anubrados ou despexados. As temperaturas serán normais para esta época do ano, con mínimas sen cambios, aínda que oscilarán, e máximas en ascenso moderado.

A partir do mércores mantense a influencia das altas presións, polo que se agarda tempo seco en Santiago e en toda Galicia. As temperaturas ascenderán lixeiramente, con máximas que quedarán arredor dos 20ºC na capital galega e en moitos puntos da comunidade.