A especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo son algúns dos temas arredor dos que xira Un hotel de primeira sobre o río, un espectáculo do Centro Dramático Galego e basado nun texto de Xohana Torres, que se pode ver esta tarde, ás 18.00 horas, no Salón Teatro de Santiago. A obra desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa. O espectáculo narra a presión exercida sobre a protagonista para que renuncie ás súas terras, á súa casa, á súa historia e ás súas raíces, evocando de xeito onírico e simbólico a dualidade entre a realidade e as fantasías da súa imaxinación. Un hotel de primeira sobre o río é o resultado do diálogo do texto orixinal co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais. Cunha coidada composición estética e unha rigorosa investigación sobre xestos e imaxes, a peza convída ao espectador a abordar diferentes xeitos de vivir no ámbito rural e a cuestionar a xestión dos recursos naturais.
- Multimedia
- CLASIFICADOS
- Servicios
