Compostela Aberta (CA) aposta por fomentar a integración laboral das persoas con discapacidade a través de tres vías: a incorporación das cláusulas sociais nos contratos do Concello, a reserva de determinadas licitacións para Centros Especiais de Emprego, e a reserva de postos para este colectivo na oferta de emprego municipal. A candidata de CA á Alcaldía de Santiago foi moi crítica coa actuación do goberno local neste ámbito, “porque mostrou unha absoluta falta de interese, e ralentizou os procesos impulsados durante o pasado mandato por Compostela Aberta”. Como mostra desa insensibilidade, María Rozas denunciou que no proceso selectivo de estabilización convocado polo goberno de Bugallo para cubrir 49 prazas de persoal funcionario e 24 de persoal laboral fixo “non houbo ningunha reserva de postos para persoas con discapacidade”.
A candidata de Compostela Aberta á alcaldía visitou a sede de COGAMI, acompañada polo número 4 da candidatura, Miguel Penas, para coñecer mellor o traballo que desenvolve a entidade e as súas demandas. O vicepresidenta da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Ramón Sestayo, e o tesoureiro, Álvaro García, explicaron cales son as súas propostas de cara ás eleccións municipais, moitas delas xa incorporadas no programa de CA. Unha das preocupacións de Cogami tén que ver coa inserción laboral das persoas con discapacidade. Ao respecto, María Rozas explicou que o compromiso de Compostela Aberta “é seguir avanzando en cuestións que xa impulsamos no pasado mandato desde o Goberno, e que cremos que non foron ben atendidas nestes últimos anos”.