A Cidade da Cultura presenta ‘Doppio Zero’ este sábado con motivo do Día do Circo

O dúo Carpe Diem pon en escena unha historia surrealista mentres cocen unha peza de pan

Instalaciones de la Ciudad de la Cultura

Instalaciones de la Ciudad de la Cultura / ECG

Redacción

A Cidade da Cultura presenta, este sábado 22 de abril, Doppio Zero, un espectáculo circense familiar para conmemorar o Día do Circo –que se celebra o día 15– a cargo da compañía Cía. Carpa Diem, conformada por dous artistas italianos. A función, que será ás 17.00 horas, combina diversas disciplinas como acrobacias sobre bicicleta, suspensión aérea sobre mastro, clown ou malabarismos.

Toda a actividade vinculada ao espectáculo está fiada a través dunha historia que mestura diversión con tenrura e un toque de surrealismo. Os dous personaxes, Tuli e Vroni, levan ao público por unha viaxe ao longo do tempo mentres cocen unha peza de pan e len boca abaixo colgados dun mastro ou pedalean en bicicleta coas mans. Os dous representan dúas personalidades contrapostas que farán gozar ás familias: un perfil máis inxenuo, distraído e soñador e outro con pura enerxía, velocidade e movemento.

O dúo italiano propón con Doppio Zero un percorrido acompañado con música dos anos 50 e novas da radio, respirando as gañas de vivir dos anos de reconstrución en Italia.

A compañía Cía. Carpa Diem nace do encontro de dous educadores e profesores de circo italianos. Luca Sartor e Katharina Grüner coñécense en Kenia no ano 2012 nun proxecto de circo social destinado á cativada da rúa. Pouco despois continúan a súa formación artística xuntos graduándose na Escola de Circo Carampa de Madrid, onde se fundou a compañía tres anos máis tarde, en 2015. Os dous traballan a maiores no colectivo Cía. Faltan 7 que chegou a actuar na Cidade Imaxinaria da Cidade da Cultura.