Verea propón que Raxoi xestione directamente o alugueiro das vivendas baleiras

Aposta por políticas que permitan aumentar a oferta a prezo asumible, para que “ningún compostelán teña que volver marchar a vivir fóra”

Borja Verea, candidato do Partido Popular á Alcalía de Santiago

Borja Verea, candidato do Partido Popular á Alcalía de Santiago / JACOBO TÁBOAS

“O obxectivo é que ningún compostelán teña que volver marchar a vivir fóra de Santiago”. Con esta intención, o candidato do PP á Alcaldía, Borja Verea, presentou unha serie de medidas “encamiñadas á posta en marcha de políticas modernas en materia de vivenda que permitan aumentar a oferta a un prezo asumible”. O líder popular indicou que “os santiagueses están a soportar un goberno que nin sequera ten coñecemento do que está a pasar na cidade, xa que mentres todos os axentes do eido da vivenda advirten que en Santiago se están alcanzando prezos desorbitados, o candidato socialista atreveuse a dicir que o aluguer de vivenda na capital de Galicia está baixando, o que demostra que vive nun mundo paralelo á realidade”.

Durante unha reunión con representantes do Foro Cívico, o candidato do PP subliñou que unha das súas medidas prioritarias será a mobilización de inmobles baleiros co Bono Vivenda, “programa solvente de aluguer, incentivando os propietarios a sacalas ao mercado garantindo a súa renda”. Así, explicou, “sería o Concello o que pagaría as mensualidades desde o principio e, a partir de aí, pasaría a xestionar o alugueiro deses inmobles, poñéndoos a disposicións dos mozos, das familias, persoas sen recursos e xente maior, a un prezo asequible”.

Indicou que no caso do Casco Histórico procedería a eliminar “a estrita burocracia e algunhas das incomprensibles normas que rexen nesta importante zona da cidade, e que están a expulsar aos seus habitantes desde hai anos”. Ante esta situación, dixo que traballará para “facer máis accesible a vivenda nesta zona, facilitando a rehabilitación dos inmobles existentes, co fin de que se poida vivir neles cos estándares de calidade do século XXI”.

Tamén será unha prioridade, dixo Verea, a rehabilitación pública nesta zona de Santiago, “co fin de volver a poñer no mercado vivenda a prezos razoables e de calidade e permitirase que os inmobles máis grandes da parte vella poidan segregarse en apartamentos máis pequenos, acordes coas necesidades actuais”.

O parlamentario popular destacou ademais que en Compostela existen bolsas de solo que seguen pendentes de desenvolverse e que necesitan un novo pulo, polo que insistiu en que “hai que deseñar xa o Santiago do futuro reactivando esas áreas de crecemento, para construír máis vivendas”. Para iso, salientou, “é necesario chegar a un gran pacto de cidade que permita sumar ao parque residencial novos pisos en todas esas áreas xa programadas”.

Así mesmo, defende que se permitan vivendas en baixos comerciais, “iniciando esta transformación no barrio de Conxo, pola gran acumulación de baixos abandonados, arredor de 200, e a obxectiva degradación xeralizada”. Verea afirmou que “con este Bono Vivenda, permitindo que os baixos sexán habitables, facilitando as obras e rehabilitación no Casco Histórico e desbloqueando a construción de novos pisos, conseguirase aumentar a oferta e baixar os prezos”.

Emprendemento

No eido da economía, o parlamentario remarcou que no seu proxecto está a idea de crear un ámbito favorable que acelere e consolide a implantación de novos emprendedores en Santiago, para o que creará a Oficina SantiagoInviste, que permitirá captar investimentos de fóra e facilitaráo aterraxe na cidade aos inversores interesados en crear emprego e negocio en Santiago.

Incidiu tamén en que “é prioritario levar a cabo a eliminación de licenzas e trámites innecesarios, que só serven para poñer trabas aos veciños, aos autónomos e ás pequenas empresas, xa que no Concello de Santiago existe un problema endémico que causa un gran malestar, como son os retrasos inxustificables na concesión de licenzas e permisos, o que xera un colapso administrativo e dana o tecido económico, ademais de retrasar e imposibilitar moitos investimentos”.