178 anos do Xelmírez, un reflexo do ensino secundario compostelán

Exposición. O centro ten no Colexio de Fonseca unha mostra que pretende dar a coñecer a toda a sociedade como chegou a ser un lugar de referencia na historia da creación cultural galega, dende a súa fundación ata a actualidade // Poderá visitarse ata o 10 de xuño

Mostra que repasa a historia do Xelmírez co seu patrimonio, alumnado e profesorado, en Fonseca / j.prieto

Mostra que repasa a historia do Xelmírez co seu patrimonio, alumnado e profesorado, en Fonseca / j.prieto / lorena rey

Reflexar o IES Arzobispo Xelmírez como un lugar de referencia na historia da creación cultural galega ao longo dos anos, desde a súa fundación ata a actualidade” e o que había detrás do ensino secundario en Santiago é o obxectivo da mostra O ronsel do xelmírez. 178 anos na educación e cultura galegas, inagurada o luns da semana pasada no Colexio de Fonseca e que se poderá visitar ata o vindeiro 10 de xuño.

“Cando foi o 175 aniversario xa tiñamos contemplada unha programación realmente potente, onde había dúas exposicións. Unha ía ser precisamente en Fonseca, centrada na arte e artistas, e a outra na igrexa da Universidade, co patrimonio, pero chegou a pandemia e botou todo abaixo”, comentou en conversación con este medio o actual director do Xelmírez I, Manuel Portas, quen asegurou que daba pena non recuperar o traballo feito.

Tocou remodelar moita da información dispoñible “xa que dúas exposicións non caben nunca”. Diso encargáronse os exprofesores Paulo Portas e María Jesús Mascareñas cun traballo de síntese que permite ver o que foi a Educación Secundaria en Santiago de Compostela. O Xelmírez foi durante cen anos o único instituto que existía polo que moitas personalidades, agora de renome, pasaron polo centro. “Moitos non era que estiveran aquí en clase, viñan doutras latitudes a facer as súas probas porque estaban no que lle chamaban o ensino doméstico, na casa ou moitas veces con algún preceptor que orientaba e formaba. Incluso algunhas das personalidades da exposición tiñan xa centro educativo na súa cidade pero o Xelmírez tiña o reclamo da Universidade”, aportou Portas.

No título é clave a palabra ronsel, que fai referencia ao “que vai deixando o instituto ao longo do seu percorrido”, detallou o director do centro. Está ubicada no Salón do Artesonado e no Claustro Superior de Fonseca, e por falta de espazo os encargados de organizar a exposición víronse obrigados a facer unha selección. “Pensei friamente no que máis importaba a nivel educativo. Neste punto recordo a Díaz de Rábago, do que tiñamos o título de bacharelato enteiro”, contou Mascareñas.

No Artesonado atópase todo o que é a historia do nacemento do instituto, os edificios e documentos de expedientes de alumnado. Neste punto Mascareñas recordou que cando inaugurou a exposición pensou en que “a xente é moi malevóla cando vexan a Castelao con un suspenso”, preceptiva literaria, cando nese momento “o feito é que suspendeu un neno que agora é Castelao”. Ou tamén está o caso de Joaquín Loriga, aviador de Lalín, con suspensos. “Nese momento tiña nove anos e non é a idade legal para facer ese exame, sería pola presión do pai de adelantalo”, comentou.

Esa idea de quedarse coa parte máis humana e non enfocarse tanto no funcionamento e na mecánica docente vese reflexada na cantidade de médicos ilustres, escritores, deputados ou militares da mostra. E no que ten que ver co galeguismo están representadas figuras de renome. No rexionalismo está Murguía e Alfredo Brañas, nas Irmandades da Fala, Villar Ponte, están os grandes protagonistas do Banquete de Conxo, tanto Aurelio Aguirre como Eduardo Pondal e incluso non hai foto do Seminario de Estudos Galegos onde non haxa membros da comunidade do instituto. “Xa non é a importancia dos nomes senón a súa coincidencia aquí. Na presentación xa dixen que podemos pensar que o Instituto tivo algunha responsabilidade, aínda que fora circunstancial, na súa formación”, manifestou Porta.

Por outra banda, hai unha parte da exposición que recolle libros, manuais de asignaturas ou diccionarios de décadas atrás. Sobre isto, o que se exhibe parte de cando comezaron a ocupar Mazarelos, onde estaba a biblioteca dos xesuítas que non levaron os seus libros. “Quedaba unha enciclopedia francesa, unha primeira edición restaurada, que está na exposición. Hai unha obra de Estrabón, o manual de Historia do catedrático de Universidade Pérez Bustamante, manuais de Raimundo de Miguel, en latín e en castelán ou o primeiro manual de Historia Natural, que era de Manuel María José de Galdo, o catedrático da Universidade Central, que durante anos foi o único manual para esta asignatura”, dixo Mascareñas.

A parte dun percorrido por todos os persoeiros, para acercarse un pouco máis á actualidade, a mostra ten unha vitrina, un póster e varias fotos sobre a Experiencia pedagóxica, un proxecto propio do instituto, dende o ano 1984 ata o 2000. Ese proxecto educativo, en certo xeito, adiantaba a aplicación das teorías construtivistas e de aprendizaxe significativa que se anunciaban para o seguinte plano de estudos: a LOGSE. “Un par de profesores decidiron meterse no asunto, sete ou oito anos antes de que realmente a reforma entrase en vigor, e iso serviu de experiencia piloto para que se dera esa transformación xeral da educación”, comentou Porta. En calquera caso contaron con autorización para continuar con esa experiencia ata a implantación do novo marco legal.

A exposición está dirixida tanto para o ámbito académico como para a poboación en xeral. “Aquí vese un modelo do que significa pasar por un centro de ensino secundario sobre todo porque se recalca que isto non é unha cousa que exista dende sempre senón que en determinado momento foi necesario, partiu da Universidade e tiña un funcionamento que hoxe nos pode resultar curioso”, destacou Porta. A parte do anecdotario preténdese facer razoar á xente de que non todo é como funciona na actualidade, contándolles, como exemplo, que Agricultura foi unha materia troncal. Vinculando isto coa actualidade, dentro da área de Ciencias e de Economía o centro conta con hortas para que o alumnado “vexa a importancia da horta familiar para a economía doméstica dende primeiro da ESO”, detallou o director.

Tamén cobran especial relevancia os obxetos dos laboratorios expostos en Fonseca, que se conservaron a pesar dos traslados de edificios. O instituto naceu en San Xerome, en setembro de 1845, logo pasou a Mazarelos, de Mazarelos a San Caetano e dende alí ao Campus Sur. “Aquí mimamos o noso patrimonio. Calquera que traballe no mundo da museística e no coidado do material histórico sabe que sempre é un terremoto, en parte pola humidade”, dixo Portas, ao que engadeu: “Nesa sensibilidade tamén tivemos profesores que colaboraron moito”.

O instituto Xelmírez é o depositario de todo o anterior patrimonio comentado pero isto “é de toda a sociedade” xa que, segundo relatan os organizadores da mostra, “moitas persoas teñen avós ou bisavós que estudaron no centro”. De feito, Paulo descubriu que o seu avó e o seu irmá estiveron no Xelmírez, polo que ten pendente buscar información dos mesmos.