Folga na recollida do lixo: “A situación é peor desde que Urbaser renovou o contrato”

Os traballadores convocan un paro indefinido a partir do 15 de maio polos “reiterados incumprimentos” do convenio colectivo // O conflito “ten unha fácil solución”, afirman

Colectores do lixo na Rúa da Rosa / jesús prieto

Colectores do lixo na Rúa da Rosa / jesús prieto / manu lópez

Os traballadores do servizo de recollida do lixo de Santiago advertían o pasado mes de marzo que estaban dispostos a chegar “ata o final” ante os “incumprimentos” do convenio colectivo por parte de Urbaser, a empresa concesionaria. As protestas levadas a cabo polo persoal nas últimas semanas non obtiveron resposta e ese punto final chegou onte coa convocatoria dunha folga indefinida a partir do 15 de maio.

O comité de empresa denuncia que se están producindo “continuos e reiterados incumprimentos” do convenio colectivo, unha situación que se agravou co paso do tempo, especialmente desde que Urbaser “renovou a contrata co Concello” hai un ano. O presidente do comité, Ricardo Méndez, enumerou algunhas das principais causas da convocatoria de folga, un “cúmulo de problemas” que agardan “solucionar dunha vez”.

Bugallo: “as datas elixidas non son froito da casualidade” 

··· O alcalde de Santiago manifestou onte a súa “preocupación” pola convocatoria da folga dos traballadores do servizo de limpeza que “se fai coincidir coas festas da Ascensión e a campaña electoral”.Xosé Sánchez Bugallo asegurou nunha comparecencia no pazo de Raxoi que “descoñece” os motivos reais que levaron ao comité de empresa de Urbaser a convocar esta folga, ao tempo que manifestou o seu desexo de que os traballadores da empresa “actúen de forma responsable”, porque, ao seu xuizo, “a víctima non é a empresa senón os cidadáns de Santiago”. Sinalou que as datas elixidas “non son froito dunha casualidade” e recordou que “o ano pasado estabamos no proceso de negociación do convenio, e non houbo folga e tamén había festas da Ascensión. Este ano, co convenio asinado, convócase folga coincidindo coa campaña electoral”. Bugallo declarou que o Concello “ten que respectar o contrato” coa empresa, polo que nos acordos “extraconvenio” é “moi difícil entrar”. “Se hai cláusulas do convenio que non se cumpren, algo teremos que dicir. O que estea fora do convenio é un tema máis complexo”, concluíu. 

Así, Méndez explicou que entre estas causas atópase a eliminación da bolsa de traballo, que consistía en que o persoal, cando accedía á empresa, para substituír baixas e vacacións, logo podía acceder a un contrato de relevo dunha persoa que se xubilara e, finalmente, a un contrato indefinido. “Iso foise facendo sempre seguindo unha orde estrita segundo a entrada na empresa”, indicou. Fronte a isto, o modelo que pretende levar a cabo Urbaser é de crear tres bolsas de traballo, algo rexeitado polo comité porque pode provocar “loitas entre traballadores para conseguir un posto fixo”.

Ademais, o persoal apunta que se están incumprindo as rotacións, o que se traduce en que “non sabes nin onde tes que ir”. Na mesma liña, Méndez demandou unha orde de condución e a convocatoria de prazas para esta función e o establececemento dun sistema para os cambios de vacacións. Do mesmo xeito, denunciou a supresión do servizo de repaso en domingos pola mañá e sábados pola noite ou que se “obrigara a traballar” ao persoal do servizo 24 horas nas noites do 24 e do 31 de decembro.

Desatención da cidadanía

Segundo apuntou Méndez, este servizo de 24 horas, denominado Selursa, foi concibido “para atender calquera urxencia, por un accidente, animais mortos e demais”. Non obstante, o presidente do comité criticou que está realizando traballos que facía o persoal de Urbaser. “Para o que foi realmente adxudicado ese servizo non o está facendo, desatende á cidadanía e por outra banda sácanos traballo que faciamos nós anteriormente”. Este novo servizo subcontratou ademais as illas de quita e pon da zona vella e o comité teme que as condicións laborais dese persoal sexan “precarias”.

Outro dos puntos de conflito é o plan de igualdade, no que os traballadores denuncian tamén os incumprimentos de Urbaser. Isto tradúcese en que “non se poida conciliar a vida laboral e familiar”. Nesta materia, Méndez puxo como exemplo o caso dunha traballadora á que lle denegaron o dereito e convidárona a arranxar os cambios cos seus compañeiros.

Non hai comunicación

Todas estas cuestións evidencian que non se trata dunha “folga económica” e que ten fácil solución, que é “manter os acordos” asinados no convenio. Polo momento non hai comunicación entre a empresa e os traballadores para ningún tipo de negociación e, con respecto ao Concello, recalcan que non son recibidos dende o ano pasado. Onte celebraron unha xuntanza cos partidos da oposición, mentres que descoñecen se a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, exerceu algunha mediación, xa que afirman que non tiveron ningún tipo de reunión con ela. Segundo o comité, as reivindicacións fóronlle trasladadas á edila o venres pasado sen que de momento recibiran resposta.