A tendencia da banca á xestión en liña deixa Santiago cunhas 30 oficinas menos en 7 anos

A dixitalización destes servizos provoca que colectivos coma o dos maiores, a xente do rural ou as persoas con menos recursos queden en risco de exclusión financeira debido á carencia de medios ou de coñecementos

Diversos caixeiros de Novagalicia Banco, creada no ano 2011 e convertida en Abanca en 2014 / Lavandeira jr.

Diversos caixeiros de Novagalicia Banco, creada no ano 2011 e convertida en Abanca en 2014 / Lavandeira jr. / ana triñáns

A crise económica que vivimos dende 2008 até 2013, provocada polo estoupido da burbulla inmobiliaria, puxo contra as cordas o sector da banca, que foi rescatado polo goberno de Mariano Rajoy en 2012. A pesar diso, a maioría das entidades bancarias comezaron a pechar oficinas en todo o Estado, cando non desapareceu a propia entidade ou foi absorvida por outra nunha mellor situación. Este foi o caso da Caixa Geral, absorvida por Abanca; do Banco Pastor, que pasou a integrar o Banco Popular e desapareceu en 2012; de Bankia, absorvida por CaixaBank; ou de Ibercaja, que sinxelamente desapareceu.

A lenta recuperación económica e a nova crise, a dos mercados en 2018, carrexaron un sen número de ERE (Expediente de Regulación de Emprego) que deron lugar a máis peches de sucursais bancarias e á perda de 4.513 postos de traballo na nosa comunidade.

En Galicia pasouse dun total de 5.539 oficinas en decembro de 2008 a 1.231 no mesmo mes de 2020, case un 80 % menos, e 42 dos 313 concellos galegos quedaron sen servizo. A solución pola que optou o sector para atender as necesidades da súa clientela foi a de reforzar a banca en liña, de modo que os seus usuarios comezasen a realizar todas ou a maioría das súas xestións a través do ordenador ou do teléfono móbil. E o confinamento a raíz da pandemia da covid-19 en 2020 contribuíu a acelerar aínda máis a dixitalización de calquera servizo.

Mais esta aparente solución para a clientela das diversas entidades bancarias non foi tal, pois o mundo dixital non era, e aínda non é, accesible para todas persoas, poñamos por caso a xente maior, a do rural (onde houbo que implemantar servizos de banca-móbil en moitos casos) ou as persoas coas rendas máis baixas, todas elas en risco de “exclusión financeira”, tal e como alertaban os sindicatos xa hai dous anos. Isto é, estes colectivos mencionados non teñen a capacidade suficiente para acceder os servizos bancarios dun modo apropiado por carecer de medios ou de coñecementos dixitais.

Alén das sucursais bancarias absorvidas por outras e aquelas que directamente desapareceron, a variación no número de oficinas que había en Compostela en decembro de 2015, fronte ás que se rexistraron no mesmo mes de 2022, é de arredor dunha trintena de oficinas menos. Segundo os datos do Banco de España, nese período de sete anos, o Banco Santander causou baixa en 6 oficinas, quedando tan só 8 en todo o concello; o Banco Sabadell, que contaba con 8 sucursais quedou en 5, e no mes de xullo pechará a que actualmente ten no Castiñeiriño.

As mesma cifras que o Sabadell afectaron ao BBVA e Abanca pasou de ter 22 oficinas na capital galega á ter tan só 12, case a metade desapareceron. E un dos casos máis drásticos é o de CaixaBank, que pasou de ter 12 oficinas en 2015 ás 5 que ten actualmente, un 58,33 % menos. É dicir, en tan só sete anos, Compostela pasou de ter 73 oficinas de diversas entidades, maioritariamente de Abanca, Banco de Santander, BBVA, Sabadell e CaixaBank, a contar con tan só 36, que en xullo serán 35 co peche da oficina do Sabadell no Castiñeiriño. Un período no que tan só abriron cadansúa oficina as entidades Unicaja, Deutshe Bank, Bankinter e Kutxabank.

Cómpre ter en conta tamén que este total engloba non só oficinas con servizo de caixa, senón tamén oficinas especializadas na empresa e oficinas sen servizo de caixa, o que indica que para as xestións persoais quedan aínda menos oficinas e cun horario reducido. En contraprestación, o que ofrece a banca é un xestor persoal para cada usuario, previa cita, nunha cidade que achaca serios problemas de mobilidade e transporte público.