Borja Verea construirá unha rede de carrís peonís e ciclistas con case 50 km para unha mobilidade de futuro

A planificación apoiaríase no proxecto do eixo de mobilidade ciclista e peonil entre Milladoiro-Intermodal-San Caetano pola que apostou Verea hai un ano

Ruta do Sarela, un sendeiro á beira do río que permite ir á pé e tamén en bicicleta, accesible andando dende o centro da cidade

Ruta do Sarela, un sendeiro á beira do río que permite ir á pé e tamén en bicicleta, accesible andando dende o centro da cidade / Jesús Prieto

Redacción

O candidato á Alcaldía de Santiago, Borja Verea propón para os vindeiros catros anos a creación dunha rede de carrís peonís e ciclistas que permita interconectar os principais centros tractores do termo municipal, ofrecendo unha alternativa de futuro para a mobilidade.

A planificación apoiaríase no proxecto do eixo de mobilidade ciclista e peonil entre Milladoiro-Intermodal-San Caetano pola que apostou Verea hai un ano, xa en marcha e que suma preto de 10 km, cun orzamento duns 10 millóns de euros e un prazo de execución que oscila entre os 15 e 18 meses.

Para Verea, esta senda entre Milladoiro e Santiago, que foi consensuada e axustada para incluír varias alegacións, entre elas as relativas á zona da Colexiata de Sar, do Banquete de Conxo e da zona da Rocha, “constituirá a columna vertebral da rede peonil e ciclista da cidade, arredor na que se irán enxertando varios itinerarios para conformar una rede continua e interconectada , cunha concepción global que supere as actuacións municipais illadas e inconexas dos últimos anos”. “Lograrías así unha rede extensa e funcional que conectará os puntos estratéxicos da cidade de norte a sur e de leste a oeste, constituíndo un sistema viario alternativo, seguro e saudable para o futuro”.

50 km para interconectar puntos estratéxicos

A proposta contempla a interconexión dos dous campus universitarios, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), dos polígonos industrias da zona norte, das futura senda entre A Sionlla-Oroso polo vello trazado ferroviario, a senda a Figueiras e, a través das actuacións da Xunta de Galicia, co Milladoiro e Bertamirán. No seu conxunto serán arredor de 50 km concibidos para unha comunicación alternativa e eficaz a pé ou en bicicleta.

Para o candidato popular, o compromiso coa mobilidade alternativa precisa dunha clara vontade das administracións, para actuar de forma coordinada e decidida, polo que non se entenden posturas como a “vacilación partidaria” que mostra Sánchez Bugallo, que hai apenas unha semana cuestionou a función de conectividade do eixo Milladoiro-San Caetano e mostrou en público a súa desconfianza dun proxecto ao que lle augura “pouco éxito”. Unhas manifestacións que sorprenden, sobre todo, por realizarse en sede municipal e despois de dar conta do acordo en Xunta de Goberno para cesión dos terreos necesarios para esta actuación. “Cuestionar a conectividade deste itinerario continuo de 10 km, cando se promoveron carrís illados como o das Fontiñas ou o monumento ao carril bici da Costa de San Marcos, non ten moito sentido. O que hai que facer é xuntar esforzos e, de forma complementaria, actuar para rendibilizar e sacarlle o maior partido aos investimentos públicos”.