Inmellorable ambiente festivo no día grande da celebración do Banquete de Conxo

A foliada do Serán da fraternidade pon o broche de ouro a unha xornada marcada polo desfile teatralizado e o xantar popular

k.m.

Había ganas de bailar e de gozar sen parar ata que o corpo aguantase e así o demostraron os centos de veciños que desde primeiras horas da mañá botáronse ás rúas de Compostela para converterse nuns máis dos chamados á festa do Banquete de Conxo.

A primeira cita do día grande desta xornada tiña lugar ás once da mañá na praza do Toural, onde comezaba o desfile teatralizado ata Conxo, baixo a dirección de Os Quinquilláns e coa participación de Teatro Mediogüevo, Coral A Oliveira de Monte Branco, Grupo de Gaitas Inllar, grupo de teatro da Fundación Pondal de Ponteceso, Clube Mozo e veciñanza activa do centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, Brigadas Teatrais de Catoira, Teatro do Muíño, de Laraño, e Teatro do Solpor, de Vite, acompañados todos eles polo grupo musical Os Muiñeiros do Sarela, así como polos numerosos cidadáns que vestiron as súas mellores galas rememorando o acontecido aquel 1856 no que estudantes universitarios como Aurelio Aguirre o Eduardo Pondal uniron as súas forzas con obreiros e artesáns, mostrando a súa solidariedade entre clases que ata entón estaban moi separadas socialmente.

Os participantes neste fermoso percorrido pola capital galega, nunha mañá na que o tempo tamén acompañou, fixeron unha decena de paradas ofrecendo pequenas representacións teatrais e, á súa chegada á praza de Conxo, foron recibidos pola Asociación de música e baile tradicional do barrio, nun acto que contou coa actuación da Coral A Oliveira de Monte Branco e que deu paso ao pregón da festa, a cargo de Xosé Lois Mouriño Couto de Sar e Lucía Pérez Lemos de Villestro.

Inmellorable ambiente festivo no día grande da celebración do Banquete de Conxo

Entrañable imaxe de dúas persoas descansando na carballeira de Conxo no xantar popular no que, como se ve á dereita, foron moi numerosos os cidadáns participantes nesta edición. / Jesús Prieto

Desde alí, partiron todos cara a carballeira de Conxo, acompañados tamén pola música do grupo Os Fondaos do Pífaro, onde se desatou a alegría e a festa nun xantar popular con centos de comensais, cada un coas súas viandas.

Inmellorable ambiente festivo no día grande da celebración do Banquete de Conxo

Inmellorable ambiente festivo no día grande da celebración do Banquete de Conxo / Jesús Prieto

Repostas as forzas dunha intensa mañá, o baile adquiriu todo o protagonismo no Serán da fraternidade coa foliada de música tradicional a cargo dos compoñentes de Os Fondaos do Pífaro, Grupo da A.C. Devagarinho, Grupo de Cantos de Taberna da Asociación de Mulleres Recandea e Muiñeiros do Sarela.

E como remate, e por se aínda quedaba alguén con ganas de festa, a Banda das Crechas pechou a xornada cun animado concerto ás 20.30 horas para os centos de persoas que aínda non querían dar por rematada a festa do Banquete de Conxo.