Silencio nas festas para lograr unha Ascensión inclusiva coas persoas de espectro autista

Hoxe producirase un apagado da música e das luces das atraccións, entre as 17 e as 19 horas, e o sábado volverá repetirse

Imaxe de ambiente das Festas da Ascensión en Compostela / ECG

Imaxe de ambiente das Festas da Ascensión en Compostela / ECG / Ana Triñáns

Ana Triñáns

Como xa aconteceu en 2022 coas celebracións do Apóstolo, as Festas da Ascensión programan un par de xornadas con 'horario inclusivo', isto é, unhas horas nas que as atraccións apagarán ou baixarán iluminación e música para non prexudicar a cativada e as persoas adultas con Transtorno do Espectro Autista (TEA). Tanto hoxe coma o sábado 20, a Ascensión silenciarase durante dúas horas, de 17h. a 19h., para converterse nunha celebración inclusiva e respectuosa coas necesidades das persoas con TEA, cuxa cognición se ve perturbada por mor do exceso de estímulos, neste caso, por exemplo, a música das atraccións.

A estas cuestións cognitivas refírese nas súas redes o psicólogo e experto en transtornos do desenvolvemento, Daniel Millán, que coma outros expertos fala de “condición” e non “enfermidade” cando se fala de autismo e comparte testemuños como o de Temple Gradín, con TEA, e que explica, “todos pueden usar los teléfonos en un ambiente ruidoso, pero yo puedo, si trato de dejar fuera el ruido del fondo, también dejo fuera el teléfono”. Millán refírese a isto a través da Hipóstese do embudo cortical, que explica que as persoas con autismo teñen “dificultades para procesar e darlle prioridade aos estímulos que chegan do exterior”.

Programa do 17 de maio

A xornada de festas, que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas, arrinca cunha Alborada (10 hroas) a cargo da A. C. Pana Raiada, de seguido, Cantigas e Agarimos ofrece un concerto no Teatro Principal (12.30 horas). Xa no serán, ás 20 horas, na Igrexa da Nosa Señora da Mercé, en Conxo, xuntaranse as corais Crecente, de voces graves, Habaneiras da Rocha Forte e a coral Hermano Gómez.