Entrevista | María Rozas Candidata á alcaldía de Santiago con Compostela Aberta

Unha tarde, unha candidata: "Crieime nunha Compostela na que aínda se podía xogar na rúa"

Entrevistamos á candidata á alcaldía de Santiago por Compostela Aberta, María Rozas

Ana Triñáns / Jesús Prieto / Javier Rosende Novo

A candidata de Compostela Aberta (CA) á alcaldía compostelá, María Rozas (Santiago, 1981), criouse no Ensanche, é nai de dúas nenas e leva xa 8 anos integrando a corporación municipal. Coñecémola máis a fondo nun paseo pola Alameda.

Unha das súas afeccións é pasear, ten outras ou non hai tempo?

Debo recoñecer que non teño moitas afeccións porque a maternidade combinada coa política, pouco tempo deixa. Cando teño algo de lecer dedícoo a estar coas miñas fillas. Outras afeccións? Pois o sendeirismo, a lectura... 

Xa que saca o tema, como fai para conciliar a vida política e a crianza das nenas?

É un encaixe de bolillos, pero estou segura que como moitísimas familias. No meu caso non temos familia cerca, avós ou avoas, así que tamén ten que haber unha corresponsabilidade por parte da miña parella moi, moi importante. 

Volvendo a Compostela, por que outros lugares da cidade sente unha especial predilección?

Sinto predilección pola Alameda porque era un lugar habitual para vir de paseo cos meus pais e co meu irmán. Ademais nas Festas da Ascensión teño moi bos recordos. Outros lugares... Eu declárome namorada da Finca do Espiño, é unha zona que me gusta moito e que me dá moita tranquilidade.

Compártanos un recordo que teña da adolescencia, da infancia.

Un dos recordos que teño é que anque viviamos no Ensanche, a miña familia, meu pai e miña nai, son de Vidán, e entón era moi habitual que fóramos cada fin de semana, do Ensanche até aló pasando por San Lourenzo, atravesando o que agora é unha ruta de sendeirismo, pero que daquela non o era.

Daquela Compostela, que era o mellor e o peor fronte á de agora?

Crieime aínda nunha Compostela na que xogabas na rúa, baixabas ao parque e a túa nai chamábate dende a venta, e creo que esa forma de criar é imposible hoxe, ou polo menos na maior parte dos barrios. Sería moi positivo volver a esas dinámicas de que as crianzas puideran estar máis na rúa. Hai outras cosas positivas que descubrín cando fun maior, un Santiago cun gran rural, un Santiago extenso, con moitísimos barrios e parroquias.

Un lugar para perderse?

Calquera das diversas rutas de camiñada que podes facer polas Brañas do Sar.

E un lugar para coñecer a esencia de Compostela? 

O casco histórico, algunha das súas rúas nas que aproveitar para tomar un café, un viño...

Como chegou á política?

Cheguei á política case sen esperalo. Sempre tiven experiencia política desde a militancia e no 2015 movida por diferentes compañeiras, decidín dar un paso adiante pero sen ambición de ter un papel político. Ao final as cousas foron como foron e aquí estou, oito anos despois.

Foi difícil tomar a decisión de ser a candidata de CA á alcaldía?

Si, si que foi difícil. Sentinme moi arroupada porque o capital político e humano que ten CA forma parte desa decisión pero é difícil polo tema da conciliación. 

É Santiago unha cidade á medida da infancia?

Creo que, de feito, Santiago expulsa as crianzas e as familias, por moitísimos motivos. Primeiro a vivenda, é case unha misión imposible ter unha vivenda en Compostela a un prezo asumible, incluso a alugar é bastante difícil. E así medraron os concellos limítrofes, e se te achegas a eses municipios ves unha vida familiar e un ambiente que en Santiago non temos. Hai moito por facer, desde o punto de vista da crianzas. Unha cidade máis amigable, con máis espazos para as cativas, parques infantís cubertos, poder ir cando chove, porque chove e moito, pero non só cubertos, tamén non verán parques con zonas de xogo de auga. Tamén é importante unha aposta pola conciliación, un plan de canguraxe que dea un servizo todos os días do ano. E no urbanismo de Santiago, temos que ir cara a unha cidade que poña as persoas no centro. 

Que habería que facer para acadar ese obxectivo?

É importante seguir as directrices da axenda 2030 e comezar a tomar medidas que reduzan os vehículos nos barrios, polo menos do centro da cidade, que isto nos permita ter unhas rúaas máis amplas para poder xogar e para poder ir coas crianzas. E tamén son necesarias máis rúas peonís, neste sentido tempos diferentes propostas para os barrios, para construír unha cidade máis amigable.

 Difire a situación da vivenda no Ensanche e na zona vella?

Creo que o problema de vivenda en Santiago, agora mesmo, é un problema en xeral, un problema da cidade, non só delimitado a determinados barrios, que ao mellor cada barrio, por exemplo o casco histórico si que pode ter as súas cuestións específicas, pero hai un problema de que non hai vivenda, ou polo menos non a un prezo asumible para a maioría das familias. Aí temos diferentes propostas, como recuperar a Empresa Municipal de Vivenda e que volva a construír en solo municipal para vender a uns prezos taxados, inferiores aos de mercado, pero tamén hai que apostar por fomentar o alugueiro. Nesta liña hai diferentes mecanismos, desde asumir a rehabilitación de vivendas que agora mesmo están baleiras, hai un censo de entorno a 3.000 , e poñelas en alugueiro a un prezo social, porque hai moitas familias que non poden asumir a entrada, por asequible e económica que sexa, para adquirir unha vivenda en propiedade.