O cumprimento de horarios e o procedemento de revisión de notas, principais queixas cara a USC

Preto do 65 % das 68 consultas presentadas no curso 2021-2022 tiveron que ver con aspectos relativos á docencia e avaliación e tamén con procedementos de xestión, a maioría presentadas por parte do estudantado

Miguel Alcaraz, Valedor da Comunidade Universitaria da USC dende o ano 2012, na Casa da Concha / jesús prieto

Miguel Alcaraz, Valedor da Comunidade Universitaria da USC dende o ano 2012, na Casa da Concha / jesús prieto / lorena rey

No curso pasado, fixéronse, por parte dos estamentos da Universidade, especialmente por parte do estudantado, (76,47 % das consultas), e a través de distintos medios, 68 consultas solicitando información e/o axuda sobre diferentes cuestións que despois normalmente non terminaron na presentación de queixas. Máis da metade delas trataron sobre aspectos relativos á docencia e avaliación, seguidos de procedementos de xestión. Un total de 44 destas consultas tiveron que ver con estes dous temas, o 64,71 %. Así se desprende do informe do Valedor da Comunidade Universitaria da USC ao Claustro Universitario, realizado por Miguel Acaraz, no que se fai referencia ás actuacións realizadas no curso 2021-2022.

Nas consultas houbo algún tema de acoso. Ante iso, a Universidade ten un protocolo de acoso laboral ou de acoso por razón de xénero ou sexo, polo que cando chega algunha consulta ou queixa ao Valedor, este ponos en contacto coa Comisión de Igualdade ou co Servizo de prevención de riscos. A iso se limita a súa actuación.

O Valedor pode actuar de determinadas formas. Pode facer unha intervención sobre aspectos puntuais que incluso se poden solucionar por vía telefónica; existe unha solicitude de mediación informal; hai consultas, a tráves das cales, algúen demanda unha axuda ou solicita información de como poder actuar nun determinado caso, e por último están as queixas que van da man da apertura dun procedemento. Sobre isto sinala o Valedor que as consultas na maioría dos casos non terminan en queixas xa que en ocasións “tense verbalizado que teñen certo temor a represalias aínda que aquí no Valedor garantízase o anonimato”.

O curso pasado as queixas presentadas foron 55, once delas por docencia e avaliación. Con respecto á docencia hai cuestións variadas como “a redución de horas prácticas ou cumprimento de horarios e en referencia á avaliación o maior número de queixas concéntrase nun aspecto que é o procedemento de revisión das cualificacións”, detalla Alcaraz.

Existe unha normativa onde se establece cal é o protocolo e procedemento que se debe seguir para que un alumno poida revisar a súa cualificación se entende que é inxusta ou que merece máis. “A revisión faise ante o profesor, pero en caso de seguir sen estar de acordo, pódese solicitar a intervención do decanato dos centros, que a través dunha comisión pode entrar a revisar as cualificacións, e xa depende desa comisión se se dá un cambio de notas”, comenta, ao que engade: “Nalgunha ocasión tense ratificado a cualificación do profesor”.

Por outra banda seguen pendentes de abordar as situacións anómalas derivadas da imposibilidade de asitencia aos exames por problemas de saúde, ao non estar contemplado especificamente na normativa que data de xullo de 2011. “Na normativa que ten a USC aparece contemplado que non pode cualificarse negativamente a ausencia a clase por motivos de saúde, pero non se di nada con respecto aos exames”, destaca. Así queda a criterio da sensiblidade do docente, polo que en ocasións estes optan por facer outro examen e outros indican ao alumno/a que debe ir a outra convocatoria de exames. Neste punto Alcaraz fixo unha recomendación hai tempo sobre este asunto, polo que cada curso académico recibe queixas. Para solucionar esta problemática sería necesario un cambio normativo.

Das 55 queixas totais, 41 foron presentadas por estudantes (75 %), seis por PDI (Persoal docente e investigador), catro de PAS (Persoal de administración e servizos) e catro por outros. Ao igual que sucede no resto de universidades españolas, segundo Alcaraz, sempre son os estudantes os que presentan máis queixas. “É algo lóxico xa que o PAS e o PDI teñen outros órganos aos cales acudir en defensa dos seus dereitos, como poden ser as organizacións sindicais, pero para os alumnos o Valedor é a única vía”, manifesta.

No referente ás recomendacións, que non teñen por que partir de queixas, fixéronse dez aos responsables de diferentes instancias e foron aceptadas nove. Por outra parte, todas as recomendacións derivaron dalgunha queixa específica presentada na oficina do Valedor. Na actualidade xa se rematou o procedemento en todos os casos tratados.

Houbo diferenzas sustanciais en referencia ás queixas e recomendacións con respecto ao curso anterior que xusto coincidiu coa pandemia. E segundo sinala Alcaraz, “o curso 2020- 2021 foi o terceiro curso desde que se instaurou a institución do Valedor no que máis queixas houbo debido ás características moi especiais vividas”. Foron un total de 79, 24 máis que o curso anterior.

A entrada mensual das queixas é moi aleatoria e non hai un patrón, a excepción do ano pasado que a maioría producíronse no primeiro cuatrimestre “porque estaba moi influenciado polo tema da pandemia”.

Sobre a resolución das 55 queixas, 39 resolvéronse nun mes (71 %), tres en dous meses, outras tres en tres meses e as dez restantes en máis de tres meses. “Desexamos ser o máis rápidos posible e para iso precisamos da colaboración tanto das autoridades académicas como do profesorado ou de calquera membro da comunidade universitaria que teñen o deber de colaborar co Defensor. Porén, pode ocurrir que ben pola carga de traballo da persoa ou da institución á cal lle pides un informe ou recomendación ou ben porque a temática non é facilmente solucionable en pouco tempo pois fai que se dilate máis”, detalla. Neste punto, a demanda de Alcaraz ao Claustro Universitario é facer un esforzo para tratar de acortar o máximo posible os tempos de resolución das queixas.

Miguez Alcaraz, Valedor dende o ano 2012

Miguel Alcaraz accedeu ao cargo de Valedor no ano 2012 -crearase no 1996- e hoxe en día recalca que “a figura do Valedor non é tan coñecida como quixeramos que fora”. Conta que en ocasións chega algúen a presentar a unha consulta e ao preguntarlles porque non foi no seu momento “di que non coñecía que existía o Valedor”. En calquera caso a principios de curso envían un email institucional ao alumnado para informar sobre o órganos que teñen á súa disposición. A pesar de que hai anos se ten divulgado a figura nos actos de benvidada dos centros e mediante trípticos, agora Alcaz descoñece como podían darlle maior visibilidade. “Isto é unha das cuestións que tiñamos que abordar con prioridade”, di.

Existe unha Comisión de asesoramento e axuda que está formada por seis persoas, ademais do presidente Alcaraz, e que son escollidas polo Claustro Universitario: dous representantes de PDI, dous de PAS e dous de alumnos. Segundo o Estatuto de Valedor esa Comisión ten que reunirse tres veces no curso, unha por cuatrimestre, e nesa reunión “o Valedor da conta de todas as cuestións que levou a cabo nese tempo”. Sobre o funcionamento do actual curso, Alcaraz non pode avanzar nada porque será a partir de setembro cando se procederá a valorar as estadísticas e realizar un novo informe.