Os principais candidatos á Alcaldía de Santiago apostan por desatascar a Operación Peleteiro
O alcalde comprométese a desencallar a situación nos primeiros seis meses do próximo mandato // No debate sobre vivenda, PSdeG, CA e BNG avogan por frear a proliferación dos pisos turísticos e o PP se desmarca: “Non son o problema”, sinala Verea

Goretti Sanmartín, Sánchez Bugallo, Coralia Pardal, Carlos Debasa, María Rozas e Borja Verea, onte, no Hotel Monumento San Francisco / | A. HERNÁNDEZ / JACOBO TÁBOAS

A Operación Peleteiro, os pisos de uso turístico e a o modelo de cidade foron os grandes temas que centraron onte o debate sobre vivenda e urbanismo no que participaron os catro principais candidatos á Alcaldía de Santiago: Xosé Antonio Sánchez Bugallo (PSdG), Borja Verea (PP), María Rozas (CA) e Goretti Sanmartín (BNG). Foi organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), tivo como escenario o Hotel Monumento San Francisco e serviu para enfrontar as políticas en materia de vivenda que defenden os distintos candidatos.
Na súa primeira quenda de intervencións, alcalde da capital galega, número 1 na lista do Partido Socialista e candidato a reelección incidiu na importancia de “coser” Santiago logo do crecemento urbano que lle deu continuidade á cidade. “Necesitamos que zonas como Conxo e o Ensanche formen un tecido urbano compacto”, apuntou Bugallo.
Para iso, dixo, é fundamental recuperar Emuvissa, a empresa municipal de vivenda e solo, “para promover a construción de vivendas protexidas e para que sirva de soporte na rehabilitación de vivendas na cidade histórica”. Neste seso, o candidato socialista propón que, se se implante a taxa turística en Santiago, o 50 % do recadado con este imposto se destine a políticas de rehabilitación e vivenda no casco histórico. “É preciso ofrecer oportunidades de vivenda reais para a xente nova, para que poida quedarse a vivir en Santiago, tamén para que as familias se queden na nosa cidade e que nos permita seguir crecendo”, sinalou o alcalde, antes de valorar como unha prioridade a fixación de poboación no casco histórico e no Ensanche, “e para iso”, dixo, “é preciso adaptarnos ás novas condicións de vida da xente”.
Pola súa banda, o candidato do PP en Santiago, Borja Verea, defendeu “a posta en marcha de políticas modernas que permitan aumentar a oferta de vivendas a prezo asequible, para que ningún compostelán teña que volver marchar a vivir fóra de Santiago”. Unha das medidas prioritarias para o cabeza de lista popular é “a mobilización de vivenda baleira, incentivando aos propietarios a sacalas ao mercado garantindo a súa renda”. Neste caso, sinalou, na súa proposta “o concello pagaría unha mensualidade desde o minuto un e a partir de aí pasaría a xestionar o alugueiro desas vivendas poñéndoas a disposicións dos mozos, das familias, persoas sen recursos, e xente maior a uns prezos asequibles”.
Mentres, dende Compostela Aberta, a súa candidata, María Rozas, aposta pola creación dunha nova Empresa Municipal de Vivenda, “que vaia un paso máis alá do que foi a antiga Emuvissa e que, ademais de dedicarse á construción de vivenda para a venda a prezo taxado, poña no mercado pisos en réxime de alugueiro a prezos asequibles”. “O da vivenda é un dos principais retos que tén por diante Santiago, e hai que afrontalo con todas as ferramentas que tén a administración local ao seu dispor, sen esquecer que é a Xunta quen tén as competencias e quen debe impulsar a construción de vivendas protexidas na capital galega, algo que non fixo na última década”, sinalou Rozas.
Ao igual que o alcalde, a candidata do BNG, Goretti Sanmartín, tamén incidiu na importancia de recuperar Emuvissa e dinamizar as vivendas baleiras, que cifrou en 9.000. Goretti Sanmartín avoga por un “concello cohesionado, que aposte pola sostibilidade e que poña as persoas no centro para conseguir unha cidade máis humana”.
Noutro dos bloques temáticos do debate, a regulación das Vivendas de Uso Turístico (VUT), Bugallo, Rozas e Sanmartín coincidiron na necesidade de regular de xeito eficaz a proliferación deste tipo de inmobles, mentres que o candidato popular dixo que non comparte a normativa actual que rexe en Santiago. “Os pisos turísticos non son o problema, tendo en conta que hai entre 5.000 e 8.000 vivendas baleiras”, afirmou Verea, quen aposta polo regulamento das VUT en función de zonas saturadas e non por prohibicións. “Na zona vella temos que adoptar medidas valentes e pioneiras que suporán poñer o patrimonio a disposición das familias e non ao revés”, salientou. “Se gobernamos, permitiremos que os inmobles máis grandes do casco histórico poidan segregarse en apartamento máis pequenos, acordes coas necesidades actuais. Se non adaptamos as casas á maneira de vivir de 2023, a zona vella vai quedar deserta”.
Outra medida que defende o PP para aumentar o parque de inmobles na cidade é a de permitir vivendas en baixos comerciais, “que pasa pola modificación da regulación urbanística na área afectada pola ordenanza 7”. “Iniciaremos esta transformación no barrio de Conxo pola gran acumulación de baixos abandonados e a obxectiva degradación xeralizada”, salientou o presidente dos populares, para “posteriormente, coa experiencia da súa aplicación práctica, extendela a outros barrios que se atopen en situación similar”, apuntou Verea, quen se referiu a esta proposta como “solvente e transformadora”.
Verea indicou que se consigue gobernar substituirá “as políticas de prohibición por políticas de liberdade, con medidas innovadores que poñan a Compostela en marcha”. “Fronte á política cansada, triste e sen ganas, propoñemos máis futuro, máis enerxía e máis alegría, cun proxecto integral de cidade que terá como obxectivo superar os 100.000 habitantes antes de 2027”.
Durante o debate, os candidatos de PSdG, CA e BNG mostráronse moi críticos coa proposta do PP de construír un túnel subterráneo desde Virxe da Cerca ata Xoán Carlos. Esta proposta, baixo o nome de Paseo de Galicia, “permitirá reducir ao mínimo o paso en superficie de vehículos, para priorizar a circulación peonil”, indicou Vera, quen defendeu un urbanismo “centrado nas persoas”, ao que María Rozas lle respondeu con que “a intención do PP é convertir a cidade nun gran parque temático”.
Novos polígonos
O alcalde tamén se dirixiu a Verea para recordarlle que “a primeira decisión política” do PP en 2011 foi a disolución de Emuvissa. “É dende entón non se contruiu nin un só polígono novo”, afirmou Bugallo. Neste sentido, sinalou que a súa folla de ruta pasa por “crear novos polígonos nas zonas que teñen maiores posibilidades de crecemento, como son A Pulleira, Amio e San Lázaro”.
En canto ao debate sobre a Operación Peleteiro, un dos puntos clave no futuro urbanístico do Ensanche compostelán, Bugallo comprometeuse a desatascar a situación nos primeiros seis meses do próximo mandato, un anuncio que tivo rápida resposta por parte de María Rozas, quen sinalou que a proposta boa para o Peleteiro era que se deseñou con CA no goberno, xa que contaba co visto bo dos veciños e da empresa propietaria da parcela. Sobre este asunto, o BNG pediu a cesión por parte do Goberno central da parcela do Peleteiro, “xa que forma parte da Sareb, e así poder desenvolver un plan adecuado para a cidade”. Tamén Verea incidiu na necesidade de poñer en marcha esta operación, dotando a parcela de distintos equipamentos.
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- SG Monte do Gozo, la empresa que facilita vacaciones a los ganaderos gallegos: 'En el campo también hay sueldos de médico
- Vuelven a Santiago las quedadas para leer en silencio que arrasaron en 2025
- Playmobil y el Día del Circo convierten Área Central en el gran plan familiar del fin de semana
- El Obradoiro, sin piedad con el Ourense en el derbi