Bugallo aposta por construir ata 8.000 vivendas de protección oficial na zona norte

O candidato socialista presenta o seu plan para o crecemento da cidade na próxima década // En total edificaríanse ata 10.000 casas na Pulleira, Cancelas, Amio e Mallou

Bugallo na rolda de prensa na que presentou o seu proxecto de crecemento da cidade

Bugallo na rolda de prensa na que presentou o seu proxecto de crecemento da cidade / n. s.

No ecuador da campaña, Xosé Sánchez Bugallo lanza un dos seus principais proxectos. O candidato do PSdeG a revalidar cargo como alcalde comezou a xornada inaugurando o IV Congreso Inmobiliario de Galicia, que se celebra estes días en Compostela. Despois, en rolda de prensa, desvelou os seus plans para o futuro crecemento da cidade. Agotado o espacio cara o sur, os socialistas apostan por desenvolver vivenda no norte. Nas zonas da Pulleira, Cancelas, Amio e Mallou habería sitio para construir 10.000 casas, das que 8.000 serían de protección oficial.

Os catro polígonos xa están contemplados dentro do Plan Xeral da cidade, e Bugallo manifestouse onte decidido a impulsalos. Para facelo reiterou a súa promesa de recuperar a empresa pública de vivenda e solo, liquidada no 2012 durante o mandato do popular Ángel Currás. “Isto permitiranos que unhas 30.000 persoas habiten a zona norte de Santiago, nun lugar estratéxico ao carón dos polígonos industriais e cubrindo todas as demandas de vivenda durante esta década e a próxima”, manifestou o candidato socialista.

O crecemento da oferta de vivenda na cidade iría paso a paso. Primeiro desenvolveríase o polígono da Pulleira, e a continuación irían as Cancelas, Amio e Mallou. Nestas zonas o planeamento urbanístico reserva ata 130 hectáreas de zona residencial. Unha terceira parte do espazo, arredor de 40 hectáreas, reservaríase para espazos verdes. Segundo os cálculos dos socialistas permitirían a construcción de máis de 10.000 vivendas en total e 8.000 serían promovidas a prezos tasados. Este é un plan de traballo “de 12 anos” para desenvolver o Ensanche norte e “satisfacer as necesidades de vivenda de Santiago de toda a próxima década”, subliñou Bugallo. “A nova ampliación de Santiago, o gran Santiago que plantexamos, permitirá que unhas 30.000 persoas habiten a zona norte de Santiago”, recalcou.

Gañar poboación

“O gran reto que temos que abordar é o residencial”, explicou o alcalde. Para Bugallo, as dúas grandes prioridades que deben ser asumidas por calquera concello son a xeración de emprego e a busca de alternativas de vivenda. “Coa primeira xa abordada e uns resultados razoablemente satisfactorios, agora é o momento de dar o salto en materia de vivenda”, incidiu. Entre os mantras desta campaña, os socialistas elixiron o dos datos de emprego. “Santiago é a cidade que máis reduciu o paro e cos mellores datos de emprego de Galicia”, volveron lembrar onte. Con estas cifras, aínda que “temos que seguir traballando na ampliación de solo industrial e facilitando a implantación de empresas” con tres novos polígonos xa proxectados, o alcalde fixa como prioridade “atraer, reter e fixar poboación”. Bugallo lembrou que unhas 30.000 persoas veñen diariamente a traballar a Santiago. O obxectivo para os socialistas é que tamén queden vivir en Compostela. A cidade leva anos estancada en torno os 98.000 habitantes. Bugallo considerou que ofrecer unha alternativa de vivenda é troncal para que “Santiago dea ese gran salto e siga medrando”.

A construción de nova vivenda, explicou o alcalde, debe ir acompañada dunha política de rehabilitación para vivenda habitual na cidade histórica. Tamén dunha integración da zona sur —Castiñeiriño, Conxo, Santa Marta…— “cosendo a cidade”, en palabras do candidato. “Mellorar a oferta de vivenda implica necesariamente xerar espazos que melloren a calidade de vida das veciñas e veciños de Santiago, facendo que Compostela medre ao tempo que o fai de forma compacta, integrando os barrios e conectando o rural, construíndo un gran Santiago”, aseverou.

O desenvolvemento urbanístico de Compostela xa comezara a planificarse. Pulleira conta cun Plan Parcial aprobado, feito pola antiga empresa pública de vivenda, Emuvissa. “Tamén os outros tres plans parciais estaban feitos, pero o Partido Popular decidiu metelos nun caixón”, explicou o alcalde, asegurando que é o momento de “retomalos e reelaboralos coas modificacións lexislativas destes catro anos”.

A Pulleira é un polígono dunhas 30 hectáreas de extensión con capacidade de 2.200 vivendas, das que 1.800 estarán acollidas a réxime de protección. O de Mallou é o máis amplo con 37 hectáreas e capacidade de ata 3.500 vivendas. Outras 1.900 se ubicarán no polígono de As Cancelas e 2.500 máis en Amio.

A xornada electoral do candidato socialista terminou onte en Aríns, onde mantivo un encontro cos veciños. Hoxe tócalle debate co resto de candidatos no Club Internacional de Prensa, xantar en Amio na Festa dos Maiores e entrega de premios no torneo de chave.