Debate electoral: o PP non se suma a idea das esquerdas de recuperar a empresa pública de vivenda

O transporte público, o turismo e a capitalidade foron outros dos aspectos sobre os que discutiron os candidatos á alcaldía

María Rozas, Sánchez Bugallo e Goretti Sanmartín (ao fondo) na Festa dos Maiores / Antonio Hernández

María Rozas, Sánchez Bugallo e Goretti Sanmartín (ao fondo) na Festa dos Maiores / Antonio Hernández / Ana Triñáns

A vivenda e a habitabilidade da cidade histórica seguen a centrar o debate electoral entre as catro forzas políticas con representación actualmente no Pleno municipal. De feito, foi a vivenda o tema que protagonizou o maior enfrontamento entre os candidatos, onde os partidos da esquerda coincidiron en falar da necesidade de recuperar a Empresa Municipal de vivenda (Emuvissa), ao contrario que o candidato popular, que sostivo contra as outras tres forzas políticas que “o alcalde e o pleno poden decidir onde se constrúe, como se constrúe, canto se constrúe e para quen se constrúe”. Afeándolles ao tempo que “se o alcalde non ten competencias en vivenda, que estamos a debater?”. Borja Verea animou entón os outros tres candidatos a presentárense á presidencia da Xunta de Galicia.

Este novo debate electoral decorreu no Centro Internacional de Prensa de Galicia , na mañá de onte, entre PSdeG, PPdeG, Compostela Aberta (CA) e BNG. A apertura e as quendas para falar foron sorteadas e iniciou a discusión a candidata de CA, María Rozas, nunha presentación de liñas mestras de dous minutos, á que seguiron os demais candidatos, Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), Borja Verea (PPdeG) e Goretti Sanmartín (BNG). Unha vez debullados trazos principais de cada programa electoral o debate estruturouse en bloques. Vivenda, transporte e mobilidade, turismo e capitalidade e proxección exterior foron os asuntos tratados.

O actual rexedor da cidade, Sánchez Bugallo, falou en canto a vivenda de rehabilitar e flexibilizar o Plan especial da cidade histórica, así como de facer medrar Santiago cara o norte, coa creación de 8.000 vivendas de protección. Un dato que lle rebateu o candidato do PP, Borja Verea, que o felicitou por cambiar de idea sobre o Plan Especial pero que lembrou que a promesa desas vivendas xa viña de 2008, “en plena burbulla inmobiliaria”, matizou, e que a volvera repetir en 2019. Mentres, Sanmartín falou de recuperar a parcela de Peleteiro, así coma as oficinas de Cidade Histórica e de Rehabilitación. Pola súa parte, María Rozas, referiuse a que Santiago expulsa a xente, non só polas dificultades económicas para mercar ou alugar, senón tamén porque non hai oferta debido ao auxe “dos pisos turísticos, que nós limitamos pese ás presións que tivemos e que foron moitas”. A este respecto a candidata de Compostela Aberta tamén se referiu directamente ao candidato popular para resaltar que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “xa dixo que non vai aplicar a nova lei de vivenda e que vai recorrer”, e destacou que iso implica que non se van “declarar zonas tensionadas nin poñer tope aos prezos dos alugueiros”.

O Goberno autonómico tamén se nomeou á hora de falar da capitalidade da cidade. A nacionalista Goretti Sanmartín referiuse a unha débeda da Xunta de preto de “25 millóns de euros, xa que está entregando ao Concello 2,4 millóns cando debera entregar 5,5 millóns, menos da metade”. A este respecto reclamoulle a Sánchez Bugallo que “non teña medo a que se enfanden os da Xunta” por pedir o que corresponde.

Renovar a flota de autobuses e aumentar as súas frecuencias foron tamén liñas coincidentes nos catro candidatos. O popular Verea insistíu no seu proxecto do Paseo de Galicia, obras faraónicas na perspectiva de Rozas e Sanmartín que apuntaron que tal idea “non contribúe a sacar o tráfico senón que mete máis”, dixo Rozas, mentres que “furar a cidade non é sustentable” para Goretti Sanmartín.

Diversificar económicamente Santiago foi outra das propostas de BNG e CA, para evitar o alto nivel de dependencia do turismo, mentres tanto PPdeG coma PSdeG vían no auxe do sector servizos un forte axente de creación de emprego. A este respecto tamén eran opostos, por un lado, BNG e CA, e polo outro PPdeG e PSdeG á hora de facer un proxecto de cidade para a veciñanza, no caso das candidatas, e un plan de turismo de calidade para socialistas e populares. Ás palabras de Sánchez Bugallo sobre a mellora do emprego na cidade, respondeulle a candidata de CA explicando que iso estaba a pasar en todo o Estado e non grazas a el senón grazas á ministra Yolanda Díaz, ministra de Traballo e Economía Social.