Bugallo propón unha conexión mecanizada para mellorar a accesibilidade na Praza de Abastos

O candidato á reelección presentou este luns as propostas da súa formación en canto á mobilidade e liñas de transporte urbano: “Ningún núcleo vai quedar sen sistema de transporte público”.

Praza de Abastos de Santiago de Compostela

Praza de Abastos de Santiago de Compostela / Esteban Delaiglesia

Redacción

O alcalde de Santiago e candidato á reelección polo PSdeG, Xosé Sánchez Bugallo, presentou este luns as propostas da súa formación en canto á mobilidade e liñas de transporte urbano. “Ningún núcleo vai quedar sen sistema de transporte público”. O rexedor explicou que coa nova concesión todas as liñas da cidade e a dos Tilos pasan a ser xestionadas pola mesma operadora, contarán con buses accesibles e cun incremento das frecuencias. Un aspecto, o da nova concesión, que a oposición coincide en remarcar que se preparou con “segredismo”.

O alcalde explicou que o ámbito de operación será a nivel municipal e estará xestionado pola mesma entidade e haberá unha única flota de autobuses e persoal, incluíndo tamén as parroquias rurais. “Onde non poidamos chegar co transporte regular, porque non hai masa crítica de poboación, haberá transporte a demanda”, sinalou Sánchez Bugallo. A intención, insistiu o candidato é que este servizo funcione na zona rural con dous microbuses, e anunciou que tamén se habilitará outro sistema de transporte a demanda dentro do casco histórico.

“Queremos que se reforce o transporte metropolitano”, insistiu, e explicou que estas liñas son competencia autonómica mais propón a creación dunha entidade metropolitana de transportes, que sería chave tendo en conta que “cada día entran 30.000 persoas a traballar a Santiago”.

Ademais, Sánchez Bugallo tamén propón a conexión mecanizada entre Belvís e Virxe da Cerca para mellorar a accesibilidade á Praza de Abastos. “A través de ascensor ou escaleiras mecánicas, pero é necesario implantar un sistema mecánico que mellore a accesibilidade na zona da Pastoriza e entre o parking de Belvís e Virxe da Cerca”, explicou o alcalde, que propón a creación de elementos que ofrezan unha maior comodidade ao peón en ambas zonas nas que teñen que salvar unha importante diferenza de cota.