Os candidatos encaran a recta final da campaña: PSdeG e PP vense gañadores en Compostela

Os principais aspirantes coinciden ao afirmar a boa acollida das súas propostas na rúa e na “enerxía” coa que afrontarán o 28-M // Rozas di que CA vai ser clave no próximo mandato e o BNG confía nun resultado “histórico”

Os catro principais candidatos á Alcaldía de Santiago no debate celebrado en San Francisco / Jesús prieto

Os catro principais candidatos á Alcaldía de Santiago no debate celebrado en San Francisco / Jesús prieto / Ana Triñáns

Os candidatos das catro forzas políticas con representación no Concello compostelán (PSdeG, PPdeG, Compostela Aberta e BNG) encaran os últimos días de candidatura con encontros coa veciñanza e múltiples debates electorais. Un deles (na imaxe), celebrado o pasado 17 de maio en San Francisco, seguido dun novo encontro no Centro Internacional de Prensa de Galicia o pasado sábado 20. Diversos medios tamén organizaron debates entre estas catro forzas aspirantes á alcaldía, como foi a Cadena SER na xornada de onte, unha data na que tamén estaba previsto o encontro dos catro candidatos na Televisión de Galicia (CRTVG) que, finalmente, tivo que ser cancelado.

Se ben nestes diferentes coloquios os aspirantes a ser rexedor da cidade de Santiago os próximos catro anos deixaron patentes as súas diferencias cos proxectos dos opoñentes na carreira electoral, amósanse na mesma tendencia cando se lles pregunta por como encaran estes últimos días de campaña, e todos e todas coinciden en recalcar a forza e as ganas para esta recta final, así como a boa acollida que perciben nas rúas.

O actual alcalde e candidato á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, afirma que “o único certo a día de hoxe é que vamos a volver a gobernar en Santiago, e a única dúbida é se o faremos sos; e este é o meu obxectivo”. “Compostela ten os mellores datos económicos de todas as cidades galegas, está nunha situación que nada ten que ver cos oito anos dos dous mandatos anteriores, e a xente sábeo”, apunta Bugallo. Unha valoración moi semellante era a que ofrecía o candidato do PPdeG, Borja Verea, ao asegurar “imos gañar as eleccións con moita diferencia. Quedan cinco días para que a xente decida se quere un goberno de futuro, con ambición, ou un goberno do pasado”. O popular tamén destacaba que afrontan os últimos días de campaña “con moita enerxía e cunhas enquisas que nos din que medramos, algo que nós notamos nas rúas”.

Pola súa parte, a candidata de CA (Compostela Aberta), María Rozas, aseguraba que “imos nunha moi boa tendencia, percibimos moi boa acollida da xente, moi boa resposta diante do noso programa. Iso motívanos cada vez máis, porque sabemos que CA vai xogar un papel chave no próximo mandato e é importante, se queremos políticas progresistas en Santiago, que a nosa organización teña a maior forza”. Rozas puntualizaba tamén que “está sendo unha campaña atípica, tal vez por cadrar coa Ascensión, por iso a semana vai ser moi intensa. Hoxe celebraremos o noso acto central de campaña na Sala Capitol, e confiamos en que a xente que nos vai acompañar nos dea a enerxía necesaria para os últimos días desta carreira”.

A candidata do BNG (Bloque Nacionalista Galego), Goretti Sanmartín, destaca tamén a “enerxía e as ganas” de cara á recta final da campaña e “sabendo que imos ter un resultado histórico e que está nas nosas mans ter a alcaldía de Santiago e iniciar unha etapa de transformación da cidade”.

A valoración da enquisa

En canto a enquisa do instituto DYM para Prensa Ibérica en Galicia, o actual alcalde explica que “a enquisa di que a cidadanía quere que Santiago siga medrando, que recoñece que se está a quedar pequeno, e que o Gran Santiago que necesitamos non pode nacer con ocorrencias irrealizables senón con proxectos consistentes; por iso confían en nós”. “Necesitamos crear novas condicións para que as familias poidan vivir e ter fillos en Santiago” apunta.

Borja Verea valora moi positivamente os resultados do inquérito e xa se ve gañador das eleccións, as candidatas de BNG e CA coinciden en advertir que “as enquisas só son enquisas, só amosan tendencias”. “Hai enquisas nas que CA demostra ser xa unha forza consolidada na cidade”, comenta María Rozas, “e que está medrando en intención de voto nesta campaña, hai moitas persoas indecisas e imos aproveitar cada minuto para que acaben dádonos o seu apoio”.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín recalca que o BNG é un valor “á alza e teremos un resultado histórico”. Ambas as dúas candidatas destacan a boa acollida que senten na rúa e que “a verdadeira enquisa é a do 28-M”, recalca Rozas. A este respecto, o candidato popular matiza que “para conseguir os dous concelleiros que nos falten dirixireime ao electorado socialista que apostou por Bugallo para que me dean esa confianza e levar Compostela ao século XXI”.