Entrevista | Roxelio Pérez Moreira Doutor da USC, falou onte no Ateneo de árbores na historia da arte

“O piñeiro era para o primeiro galeguismo o emblema do país”

Roxelio P. Moreira, doutor en Ciencias Biolóxicas; profesor de Química Agrícola na USC / antonio hernández

Roxelio P. Moreira, doutor en Ciencias Biolóxicas; profesor de Química Agrícola na USC / antonio hernández / XABIER SANMARTÍN

Roxelio Pérez Moreira, doutor en Ciencias Biolóxicas, profesor de Química Agrícola na Universidade de Santiago (USC) é tamén un dos responsables dos cursos de verán sobre Paisaxe nese centro, “onde xa vamos pola XV edición”, falou onte no Ateneo de Santiago de árbores na historia da arte da paisaxe e no eido sociocultural.

Hoxe en Compostela, qué árbores teñen un valor especial?

De Santiago de Compostela destacaría estas tres árbores centenarias: O Carballo de Conxo, de 30 metros de altura e 3,75 metros de circunferencia, destacable tanto pola súa monumentalidade como polo seu valor simbólico, relacionado co histórico Banquete de Conxo e con Rosalía de Castro. O maior eucalipto do parque da Alameda, de 42 m. de altura e un perímetro de 6,74 m.. E o ginkgo do Pazo de Fonseca, de 21 m. de elevación e que fermosea distintivamente co cambio das estacións do ano. Tamén é destacable a carballeira de San Lourenzo.

Qué especies teñen maior relevancia no eido da arte en Galicia?

A árbore que ao principio era máis representada era o piñeiro, aínda que daquela aínda había poucos piñeiros e era máis abundante o arborado autóctono e os castiñeiros a carón das aldeas. Iso sucedía no XIX e inicios do XX. Unha das razón disto era que o piñeiro era considerado polo primeiro galeguismo como emblema do país, xa mitificado por Pondal na letra do Himno Galego. Despois, empezarían a pintarse as árbores autóctonas e vetustas con artistas como Alfredo Souto e Castelao, quen pintou tamén moitos piñeros, pero no momento en Castelao representa a árbore nudosa na portada da revista Nós, converte ao carballo e ás carballeiras en símbolo identitario de Galicia. Hoxe segue a considerarse así, pese a que xa son árbores minoritarias no país. Logo, outros artistas pintaron moito os piñeiros e eucaliptos, como Lloréns ou Abelenda. Mesmo cando se fundaron na Coruña as Irmandades da Fala, no 1916, fixérono no Pinal de Elviña ou Piñeiral de Elviña como lugar simbólico identitario..

A natureza na arte parece que leva séculos de adianto en Asia. Cal é razón desa tendencia?

Nas orixes da paisaxe na cultura oriental, as tres sabidurías, budismo, taoísmo e confucinismo, facían representacións da natureza pura, e instalaban os seus templos nas montañas, onde se supoñía que estaban os inmortales, entre nubes e néboas, que aparecen moito nas súas pinturas. Os letrados e monxes eran á vez poetas e pintores. Viaxaban á natureza, particularmente ás montañas, como lugares auspiciosos para o entrenamento espiritual e ascético, e para purificarse. E as súas pinturas tiñan unha intención ilusionista. Pois tiñan por obxecto o facer unha inmersión na pintura, que se describía como facendo unha viaxe espiritual por ela.

Qué datas foron fundamentais nesa tendencia verde no eido da pintura e da escultura en Europa?

Tardou tempo en madurar a idea da paisaxe na nosa cultura, uns mil anos máis tarde na cultura occidental que na oriental. Razóns históricas e sobre todo relixiosas forón retardatarias da cristalización da paisaxe. A Paisaxe xurde nos lenzos dun modo gradual. Podemos rastrexar as súas orixes desde o Medioevo ao Renacemento, eclosiona ás portas da Idade Moderna e se consagra na Idade Contemporánea. En realidade a paisaxe autónoma non aparece ata o século XVII e o seu pleno recoñecemento como xénero pictórico non sucede ata o XIX. En Galicia, a palabra paisaxe, así en galego, aparece por vez primeira no prólogo de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Agora fálase moito de ecoloxía, mesmo na axenda deste que daquel partido político, pero... vai atopando espazo no mundo artístico actual?

O ecoloxismo naceu nun momento de emerxencia da conciencia ambiental nunha parte da sociedade. Houbo entón moi importantes movilizacións: por exemplo, pola defensa dos bosques autóctonos, ou de especies emblemáticas da flora ou da fauna, como das baleas ou do lobo... hoxe existen estes e outros novos problemas pero xa tamén a sociedade vai asumindo crecentemente as preocupacións ambientais, como o cambio climático. Un xeito de aproximarse á natureza hoxe en día os artistas é, por exemplo, o chamado land art, obras que normalmente se apoian na propia natureza como obxecto artístico.

Ficha persoal

Verdes. O profesor da USC Roxelio Pérez Moreira lembra que “foi o primeiro coordinador da Asemblea Ecoloxista de Galicia, na década dos anos 80 e partícipe na primeira expedición galega á Fosa Atlántica, nas protestas en contra dos vertidos radiactivos”, salienta horas antes da conferencia de onte no Ateneo sobre a representación pictórica da paisaxe, árbores e bosques na cultura occidental.