Acordo entre as forzas políticas de Santiago e o Foro Cívico para impulsar a cidade do futuro

Asinan un documento no que se recollen as principais líñas de acción para o vindeiro mandato // O ‘novo’ Hospital Clínico, unha oficina de captación de investimentos e turismo sustentable, eixes fundamentais

Foto de grupo trala sinatura do acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais de Santiago, onte, na Cámara de Comercio / A. HERNÁNDEZ

Foto de grupo trala sinatura do acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais de Santiago, onte, na Cámara de Comercio / A. HERNÁNDEZ / A. T.

A proxección do Hospital Clínico do futuro, atopar unha solución ao problema da falta de vivenda, a realización dun estudo de viabilidade sobre a estación de ferrocarril de mercadorías ou a creación dunha oficina de captación de investimentos. Son algunhas das cuestións que inclúe o acordo asinado onte entre o Foro Cívico de Compostela e os candidatos con representación municipal de cara á vindeira lexislatura. Este documento reforza o pactado no 2019.

A sinatura tivo lugar nas instalacións da Cámara de Comercio de Santiago e no acto, ademais de representantes do Foro Cívico, estiveron presentes Xosé Sánchez Bugallo, Borja Verea, María Rozas e Goretti Sanmartín –candidatos de PSOE, PP, Composteña Aberta e BNG–.

O Foro Cívico de Compostela considera que, de cara ao novo mandato, ademais dos temas xa recollidos no documento asinado no 2019, “que se atopan na súa maioría en fase de execución e respecto dos cales seguirá a facerse seguemento”, apuntaron, existen “outros asuntos de capital importancia para a cidade e que son esenciais no presente e o futuro desta". Ademais, indicaron desde o Foro Cívico, “deben quedar fóra da disputa partidaria, xa que transcenden a unha única lexislatura”. Por iso, sinalan que se precisa unha toma de posicionamento sobre estes asuntos estratéxicos para a cidade, en especial das forzas políticas con representación municipal, e co apoio de todos os colectivos que constitúen o Foro Cívico de Compostela.

Eses asuntos que as forzas políticas representadas se comprometeron a apoiar co liderado do alcalde ou alcaldesa que resulte elexido nas próximas eleccións municipais, “a fin de conseguir esa unidade de acción que se proclama e a defensa ante as administracións públicas competentes”, abarcan diferentes ámbitos. En primeiro lugar, está o dimensionamento e planificación do espazo destinado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, que “no plan actual se revela insuficiente constituíndo non só un problema de futuro, senón xa de presente, sendo as dispoñibilidades actuais claramente insuficientes para dar cabida ás necesidades da área sanitaria de Santiago e Barbanza, cunha poboación aproximada de 450.000 habitantes”, indicaron desde o Foro Cívico. “Este problema, non só de aparcamento, verase seriamente agravado cando o proxecto de ampliación do CHUS sexa unha realidade en 2026. Por tanto, o Foro Cívico solicitou aos grupos municipais sentar as bases para atopar unha posible solución ao caos circulatorio e de aparcamento do recinto hospitalario e ás necesidades de ampliación de futuro”, engaden.

Outro dos temas centrais para os próximos catro anos, segundo o Foro Cívico, é a adopción das medidas necesarias para dar solución ao problema da falta de vivenda, co obxectivo de evitar que se produza un incesante fluxo migratorio poboacional a outros municipios onde a vivenda é máis accesible. Para iso é preciso, segundo esta folla de ruta, medidas encamiñadas a abaratar os custos dos inmobles postos á venda, a construcción de vivendas de protección oficial (VPO), o establecemento dunha oferta de alugueiro tradicional a prezos alcanzables e a rehabilitación e dinamización do parque de vivendas baleiras –especialmente no centro histórico–.

Foto de familia trala sinatura da folla de ruta do Foro Cívico de Santiago na Cámara de Comercio

Foto de familia trala sinatura da folla de ruta do Foro Cívico de Santiago na Cámara de Comercio / Cámara de Comercio

Por outra banda, o servizo do ciclo integral da auga é outra das prioridades sinaladas de cara á nova lexislatura, de forma que as forzas políticas municipais cheguen a un consenso sobre as necesidades en materia de xestión e investimento neste servizo público e, en consecuencia, do modelo máis eficiente para a xestión deste, de forma que queden garantidas a realización e financiamento dos investimentos necesarios para a renovación e mellora da infraestrutura da rede de saneamento e abastecemento –estendéndoa a zonas, principalmente do rural, onde aínda non existe– e a prestación óptima do servizo en termos de calidade e economía.

Desde o Foro Cívico defenden, ademais, que a localización da estación de ferrocarril de mercadorías no parque empresarial da Sionlla serviría para que a cidade mellore as súas infraestruturas de cara a conseguir unha mellor mobilidade das mercadorías (especialmente de graneis brutos e produtos forestais), o que constituirá un incentivo para consolidar a industria existente e atraer a instalación de novas industrias.

Outros das cuestións fundamentais para entidade que aglutinas as forzas vivas da cidade é o desenvolvemento, no sector industrial, de políticas activas que favorezan a seguridade xurídica, o abaratamento do custo do solo, a súa programación e planificación a medio e longo prazo, a flexibilización e axilización dos trámites burocráticos necesarios –con especial referencia ás licenzas urbanísticas– e a posta en marcha de incentivos e beneficios fiscais que favorezan a idea de Santiago como unha cidade friendly para a atracción de investimentos. “Como punta de lanza de todas estas políticas públicas, resulta tamén fundamental a creación dunha oficina de captación de investimentos, de colaboración pública-privada, de acordo co modelo testado e liderado polas Cámaras de Comercio, co obxectivo de, entre outros, atraer, facilitar e acelerar o investimento nacional e estranxeiro en Compostela, xerando así riqueza e emprego de calidade na cidade e contribuír ao desenvolvemento do seu tecido económico”, sinalaron desde o Foro Cívico.

Por último, propoñen tamén un compromiso co deseño dunha “xestión e promoción turística sustentable” de cara aos próximos anos, con especial atención aos Anos Santos, que inclúa a propia visión, desde a entidade municipal, tanto da promoción e xestión, ás necesidades e aos esforzos para alcanzar os obxectivos, como a proposición e valoración que poida ter ou facer o resto de Administracións (Autonómica e Estatal), “promovendo un permanente e estable intercambio interadministrativo de propostas que deba incluír unha análise estatística que valore a oportunidade e acerto das programacións e investimentos antecedentes”.