A diversificación económica e a non dependencia do turismo, ademais da creación da Oficina de captación de investimentos industriais e da Oficina de captación de fondos europeos son as medidas principais de promoción económica que Goretti Sanmartín desenvolverá a partir do 28-M no caso de chegar á Alcaldía de Santiago, co obxectivo de cubrir os novos nichos de mercado para novo comercio e para a dinamización das empresas xa consolidadas en Santiago. Ademais, o BNG procurará unha aposta pola innovación e a investigación a través da Universidade de Santiago. Así o manifestou onte nun encontro con máis de 25 empresarios e empresarias da cidade celebrado no Hotel Compostela.

Queremos que a partir do 28M os sectores económicos máis dinámicos da cidade nos acompañen nun proceso de maior colaboración entre a iniciativa pública e privada”, afirmou tras o almorzo no que tamén participaron Míriam Louzao, Xesús Domíguez e Manuel César, membros da candidatura do BNG.

Para iso, coincidiron na necesidade de axilizar a tramitación administrativa, para conseguir que a administración electrónica funcione ben e para que se pague en tempo e forma dende o Concello ás empresas provedoras de servizos. “É fundamental incrementar o grao de execución do Concello”, indicou.