Hai máis de 6.000 envases reciclados pola comunidade universitaria a través de Reciclos

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos.

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos. / Santi Alvite

As seis máquinas Reciclos instaladas na biblioteca Concepción Arenal, nas facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e nos módulos centrais dos edificios de Psicoloxía e Ciencias da Educación, así como en Matemáticas, e operativas dende comezos de ano, xa superaron a barreira dos 6.000 envases recollidos, entre latas (429) e botellas (5.519).

A instalación das máquinas no marco do Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes supuxo unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos que implica, en palabras do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, “unha oportunidade de materializar nun mesmo xesto o seu compromiso co desenvolvemento sostible e o respecto polo medio ambiente xunto coa sensibilidade cara a temas de alcance social”.

As persoas usuarias tan só teñen que descargar a app gratuíta Reciclos, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obterán puntos, denominados Reciclos que poderán cambiar por distintas recompensas dispoñibles, como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño.

A USC é a primeira universidade de Galicia en contar con este sistema de recompensa, que xa suma máis de 250 máquinas por toda España, avanzando así na súa implicación coa economía circular.